Falece o bispo emérito de Lugo, José Gómez

Fray José Gómez
photo_camera Fray José Gómez

O bispo emérito de Lugo, Frei José Gómez (Lalín, 1932), faleceu esta madrugada ao redor das tres e media no Policlínico Lucense S.A (Polusa), onde se atopaba ingresado desde o pasado día 27 decembro, por mor dun empeoramento da grave enfermidade que viña padecendo desde hai case dous anos.

Frei José Gómez, que cumpriu 75 anos en abril de 2007, foi durante 27 bispo da Diocese de Lugo, ata que presentou a súa renuncia ante o papa e foi sucedido por Afonso Carrasco Rouco, o pasado 30 de novembro. Desde ese momento, pasou a ocupar o posto de administrador apostólico da diocese.

O prelado viviu nestes dous últimos anos altos e baixos na súa enfermidade, un cancro que lle foi diagnosticado no 2006 e polo que foi sometido a dous interverciones cirúrxicas, unha primeira de colon e unha segunda hepática, da que xa non puido recuperarse.

Capela ardente no Palacio Episcopal
A capela ardente quedará instalada a partir das 16.00 horas de hoxe no Palacio Episcopal de Lugo, e o enterro terá lugar, por vontade expresa do falecido, na capela de San Froilán da Catedral de Lugo. O día e a hora do enterro terao que decidir o Consello de Consultores da Diocese, xa que en novo bispo aínda non foi consagrado e a morte de Frei José Gómez deixou á sede relixiosa sen a súa máxima autoridade.

O alcalde da capital lucense, o socialista José López Orozco, afirmou que o actual administrador apostólico e bispo durante 27 anos, Frei José Gómez, “deixou unha pegada indeleble na Diocese de Lugo e nesta cidade, con independencia das crenzas de cada un”.

Un bispo que “soubo servir e sufrir”
Nas últimas semanas, Frei José Gómez foi obxecto de dúas importantes homenaxes por parte da sociedade lucense. O pasado 17 de decembro, o prelado recibiu o título de Fillo Adoptivo de Lugo de mans de Orozco. Nesa cerimonia, a súa penúltima aparición pública, o prelado expresou o seu desexo de ser recordado como un bispo que “soubo servir e sufrir”.

O día 22 de decembro, os habitantes da súa cidade adoptiva rendéronlle unha homenaxe popular, sen convocatorias oficiais, e congregáronse ante a sede do Palacio Episcopal para ler un manifesto e interpretar varias pezas musicais. Aínda que non se esperaba, Frei José Gómez saíu á fiestra do Palacio Episcopal para agradecer esas mostras de agarimo e desexar un Bo nadal a todos os presentes.

Natural de Lalín (Pontevedra), o prelado tamén lle dará nome a unha rúa da súa localidade natal, por iniciativa do actual rexedor, o popular José Crespo.

Comentarios