Falece un operario atrapado por unha avalancha de terra en Ortigueira

Un home de 39 anos, A.F., perdeu a vida nun accidente laboral ocorrido á primeira hora da mañá en Loiba, unha parroquia do municipio coruñés de Ortigueira, durante unha talla de árbores, segundo confirmaron fontes de Protección Civil nesa localidade.

O operario, veciño do Barqueiro (Mañón), traballaba nunha empresa madeireira.

Introduciuse nunha gabia e quedou atrapado baixo unha avalancha de terra. Os compañeiros trataron de auxilialo pero non lograron atopalo baixo a terra.

Ata o lugar tamén se desprazou rapidamente a cuadrilla do Grumir de Ortigueira (Grupo Municipal de Intervención Rápida) para tratar de excarceralo, pero cando o lograron o home xa falecera, probablemente por asfixia, apunta Protección Civil.

Efectivos da Garda Civil da zona e unha ambulancia do 061 acudiron ao lugar do accidente. Os sanitarios trataron, sen éxito, de reanimalo.

Comentarios