A familia de Samuel Luiz retira o seu altar para superar o sucedido

"A familia empeza a saír e ver o altar non lles axuda a pasar páxina", declararon algúns amigos do mozo asasinado
altar samuel
photo_camera Altar dedicado a Samuel na Coruña. EFE

Familiares e amigos de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos ao que mataron o 3 de xullo na Coruña, retiraron o altar improvisado que se erixiu na Avenida de Buenos Aires para poder superar o sucedido. 

Un grupo de amigas e amigos de Samuel e os seus familiares acudiron na mañá deste xoves ao lugar onde agrediron ao mozo para retirar as flores, velas e peluches que a xente deixou en recordo da vítima. "A familia de Samuel empeza a saír e ver o altar non lles axuda a pasar páxina", aseguran as mesmas fontes.

A Policía segue coa análise das imaxes da malleira 

Seis mozos foron detidos por este crime, dos que tres permanecen en prisión provisional, unha foi posta en liberdade con medidas cautelares e dous menores foron internados nun centro, e a investigación segue adiante. 

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, explicou que a Policía Nacional "segue realizando o seu traballo, como veu facendo ata agora" para pechar a investigación.

Rivas recordou que o caso continúa baixo segredo de sumario e que os axentes que participan na investigación continúan co visionado e a análise das imaxes que gravaron diferentes cámaras de seguridade da zona, a avenida de Buenos Aires da cidade herculina.

"Está a revisarse toda a información de que dispomos", engadiu. Ata a data, seis persoas foron detidas pola agresión que causou a morte de Luiz. Dúas dos arrestados son menores de idade e unha moza quedou en liberdade coa obrigación de comparecencias no xulgado.

Comentarios