Farjas defende ante a xuíza San José o sistema de control de medicamentos

A secretaria xeral de Saúde e Consumo e exconselleira de Sanidade, Pilar Farjas, destacou este venres, na súa declaración ante a xuíza instrutora da operación Campión, "o bo funcionamento de toda a rede de dispensación de medicamentos" en Galicia, da que dixo sentirse orgullosa.

Farjas prestou declaración como testemuña ante a xuíza Ronsel San José durante algo máis de dez minutos e, segundo fontes xurídicas consultadas por Efe, respondeu a preguntas relacionadas cos expedientes que presentara Laboratorios Asociados Nupel na propia consellería para comercializar medicamentos en monodosis.

"Creo poder pór de manifesto o excelente labor de investigación e de colaboración coa Xustiza que realizou a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia", afirmou Farjas en declaracións aos medios de comunicación.

Na mesma liña, asegurou que para ela é "un orgullo" o "bo funcionamento de toda a rede de dispensación, distribución e provisión de medicamentos" en Galicia, que axuda "a salvagardar os intereses dos galegos".

Tamén para este venres estaba prevista, aínda que se suspendeu finalmente, a declaración mediante videoconferencia da presidenta do consello de administración do Centro Europeo de Repartición Farmacéutica de Cataluña, Concepción Pons Vandellos. 

 

Comentarios