As farmacias galegas expiden desde este xoves o certificado de vacinación do covid

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asinou esta mañá cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos das catro provincias galegas o protocolo de actuación para que as farmacias poidan expedir desde hoxe os certificados de vacinación do covid.
Farmacia. DP
photo_camera Imaxe de arquivo dunha farmacia pontevedresa. GONZALO GARCÏA

Tal e como anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, nunha rolda de prensa, os cidadáns xa poderán solicitar nas oficinas de farmacia tanto os certificados covid de vacinación, como de proba diagnóstica e de recuperación.

O obxectivo é facilitar o acceso a estes documentos a persoas que non dispoñan dos medios telemáticos necesarios ou que carezan dos instrumentos ou habilidades para a súa obtención polas canles habilitadas institucionalmente, explica a Xunta nun comunicado. Segundo destaca o goberno galego, Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, ao que se suman outros factores como os da dispersión e a fenda dixital, o que pode supor dificultades para a poboación de idade á hora de acceder as determinadas utilidades ou servizos en soporte dixital.

Os farmacéuticos xa colaboraron en toda a pandemia con outras iniciativas, como a entrega de máscaras o ano pasado ás persoas con baixos ingresos, ou a xestión das mostras de saliva para a realización de PCR polo sistema de em pooling, que está dispoñible nas farmacias galegas.

O conselleiro de Sanidade asinou, en representación do Sergas, o protocolo cos presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro Bernardino; Lugo, Alejandro María Sánchez-Pérez; Ourense, Santiago Leis; e Pontevedra, Alba María Soutelo Soliño.

Comentarios