Feijóo anuncia a terceira convocatoria do bono turístico

Poderase utilizar nas tempadas medias e baixas, co "fin de desestacionalizar" o sector
Alberto Núñez Feijóo en Ferrol. KIKO DELGADO (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo en Ferrol. KIKO DELGADO (Efe)

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que o seu Goberno está a preparar a terceira convocatoria do bono turístico que se poderá usar en tempadas medias e baixas co obxectivo de "desestacionalizar" a demanda.

Así o sinalou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello do Goberno autonómico que este xoves se celebrou en Ferrol, na que fixo balance do "exitoso" bono turístico nas dúas convocatorias postas en marcha tras o inicio da crise do coronavirus e que tivo continuidade en 2021.

Segundo apuntou o presidente da Xunta, a iniciativa permitiu inxectar no sector turístico ao longo do pasado ano un total de 7,7 millóns de euros nun momento especialmente difícil para o sector.

Fronte á primeira edición, a segunda convocatoria do bono turístico tivo como principais novidades a súa apertura ao conxunto da poboación galega, que puido optar a cartóns con tres importes "500, 375 e 250 euros", das cales tiña que facer un copago do 40 por cento do seu importe.

A través destes cartóns, realizáronse máis de 30.000 transaccións en máis dun milleiro de empresas asociadas, das cales máis dun 75 por cento foron hoteis, pero tamén beneficiou outros segmentos do tecido empresarial turístico galego, como casas de turismo rural, campamentos, axencias de viaxe ou balnearios.

Pontevedra foi a provincia que aglutinou un maior volume de transaccións cos cartóns do bono turístico -44 por cento-, seguida da Coruña -27 por cento-, Lugo -17 por cento- e Ourense -12 por cento.

Así mesmo, novembro foi o mes no que se rexistrou un maior consumo dos cartóns, con máis de 1,4 millóns de euros consumidos, seguido de decembro, outubro, setembro, agosto, xullo e xuño.

Estes datos, dixo o presidente da Xunta, evidencian que "conseguimos desestacionalizar" o turismo polo que coa convocatoria da terceira edición, que se materializará nos próximos meses, restrinxirase o uso a tempadas "baixas e medias" polo que non se permitirá o uso destes cartóns nos meses de verán.

Comentarios