Feijóo apela á responsabilidade no seu discurso de Fin de Ano: "Xuntos volveremos erguernos"

Insta a "pelexar" pola recuperación e para que ningún galego quede "á marxe": "Non cometamos o erro de pensar que todo terminou"
photo_camera Discurso de Fin de Ano de Feijóo. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou á responsabilidade no seu discurso de Fin de Ano, alertando da necesidade de non cometer o erro "de pensar que todo terminou".  Con todo, dixo que, ante a chegada da vacina, hai "motivo de esperanza" e que Galicia está "preparada" para aproveitar as medidas de reactivación que a Unión Europea acordou. Tamén instou a "pelexar" pola recuperación sen deixar a ningún galego "á marxe". 

Feijóo trasladou a súa mensaxe desde o mesmo atril que utilizou nalgunhas ocasións para informar sobre a evolución da pandemia e as medidas aprobadas para frear a covid-19 e de feito as súas primeiras palabras foron para recordar aos falecidos neste contexto de pandemia e tamén ás súas familias. 

Tamén expuxo o seu recoñecemento aos profesionais sanitarios, traballadores de residencias e centros educativos, así como empregados de servizos "esenciais" ou " xente solidaria". "Galicia afrontou esta proba inédita con resolución e sen medo", manifestou nun discurso no que defendeu que como comunidade deu "a talla". "E tamén como un conxunto de institucións capaces de traballar armónicamente".

COMPRENSIÓN ANTE AS MEDIDAS.  "Volveuse evidenciar esa Galicia entendida como fogar común, como familia", resaltou Feijóo, quen asegurou que sente "de todo corazón" as consecuencias que a pandemia e as medidas adoptadas para combatela tiveron na poboación e, en especial, en sectores como autónomos, profesionais de hostalería e empresas ou en familias que "temen polos efectos económicos". 

Convencido de que "comprenden" cada medida adoptada, insistiu en que cada unha destas tivo como obxectivo "protexelos a todos". "E continuar como unha das comunidades con mellor comportamento nesta pandemia". 

Neste sentido, remarcou que as medidas se seguirán adoptando da man dos expertos do comité clínico, ao que agradeceu o seu traballo. Ao fío diso, pediu aos galegos que "sigan sendo responsables". 

"A vacina que os galegos xa están a recibir e que se vai a estender aos poucos é o principio da fin". "Pero non cometamos o erro de pensar que neste momento xa todo terminou, porque non é así". "É necesario que sigamos sendo escrupulosos no cumprimento das medidas de prevención".

APELA AO CONSENSO. Por outra banda, en relación á xestión do Goberno galego, incidiu en que a crise do coronavirus "aínda segue esixindo rapidez nas decisións, eficacia e precisión, requisitos que non son sempre fáciles de conciliar".  E, a pesar destes inconvenientes, defendeu o comportamento "exemplar" da sociedade como "exemplar", argumentou, é a política que el "defende". "Unha política baseada no consenso porque o pobo tamén afronta os problemas e as ilusións con unidade". "Esa política consciente que fai falta defender porque non sempre se practica". 

E aludindo á visión da Catedral de Santiago, tras as obras de restauración acometidas, dixo que é un reflexo "da Galicia que perdura tras percorrer un longo camiño", engadiu tamén en alusión á celebración do Xacobeo 2021.

"PELEXAR" POLA RECUPERACIÓN. "Hai motivos para a esperanza, non temos certezas, pero si indicios de que esta mala etapa de camiño terá pronto un final", dixo, así mesmo, Feijóo, para quen hai motivos para a "confianza". "Os mesmos galegos que afrontamos con tesón a pandemia somos os que imos pelexar a recuperación". 

"Cando ese momento chegue, Galicia está preparar para aproveitar as medidas de reactivación que a Unión Europea acordou", expuxo nun discurso no que tamén nesta materia aludiu " responsabilidade" para non deixar a ningún galego "á marxe". "Se estamos a loitar xuntos contra a pandemia, xuntos volveremos levantarnos e avanzar", subliñou ao final da súa intervención. 

Comentarios