Feijóo asegura que a Xunta fixo "máis en 100 días" que o Goberno nun ano

Acusa ao PSdeG de dedicarse só "a aplaudir" a Sánchez e ao BNG de "traizoar" a Galicia
Feijóo, en el pleno del Parlamento. LAVANDEIRA JR
photo_camera Feijóo, no pleno do Parlamento. LAVANDEIRA JR

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se sente "orgulloso" dos seus primeiros cen días deste mandato porque fixo máis neste período que o Goberno central nun ano, mentres o PSdeG só se dedicou a "aplaudir" ao Executivo de Sánchez e o BNG a "traizoar" a Galicia.

Na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, respondeu deste xeito ás preguntas da oposición, que recriminou ao presidente galego a súa xestión durante a pandemia e a falta de previsión para afrontar un posible terceira vaga do covid-19.

A líder do BNG, Ana Pontón, reprochou "improvisación, falta de anticipación e erros repetidos" e pediulle a Feijóo que deixe "a descualificación, a prepotencia e a rifa" e acepte as propostas que lle realizou este mércores para reforzar a sanidade ou establecer un plan de rescate para os autónomos, entre outras.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente galego de abandonar "ao país" e vivir nunha "realidade paralela", polo que lle pediu que rectifique e reclamoulle explicacións por non haberse cuarentenado tras un acto na Coruña o venres no que estivo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que deu positivo por covid-19 nunha PCR.

Núñez Feijóo xustificou que cumpriu os protocolos establecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) ao non corentenarse porque hai unha "diferenza substancial" entre un contacto e un contacto estreito.

"Estou cheo de fotografías que me pasa o gabinete dos líderes do PSdeG e o BNG sen máscara nos actos públicos pero non as vou a utilizar porque creo que disto non vai o tema", replicou a Caballero.

Máis aló da polémica por este acto, o presidente galego protagonizou un novo enfrontamento coa oposición á que chegou a acusar de non "apreciar" aos profesionais sanitarios e "non interpretar ben os datos" sobre a pandemia, xa que insistiu en que Galicia é unha das comunidades con mellores cifras, tanto en ocupación hospitalaria como en número de falecidos.

"Non imos mentir sobre as mortes, iso deixámolo ao Goberno do PSOE e aos seus socios", espetou aos grupos da oposición, aos que acusou de "irresponsabilidade" por non apoiar as propostas de leis da Xunta sobre a sanidade e a reactivación económica.

Pontón mostrouse decepcionada por esta resposta de Núñez Feijóo, que "non se sae do guion da rifa, a descualificación e a prepotencia" sen responder ás súas propostas para o acordo pese ao "espírito de Nadal" destas datas e pediulle que non se esconda" tras os profesionais sanitarios para "intentar ocultar" a súa falta de xestión.

"Isto non vai do PP, o PSOE ou o BNG senón da xente, que as está pasando canutas", concluíu Pontón, que cualificou de "decepcionante" a resposta de  úñez Feijóo ao "seu reto" para dialogar e chegar a un acordo para afrontar o futuro ante a terceira vaga da pandemia.

Para o presidente galego é o nacionalismo galego o que "segue igual" e "non son capaces nin de festexar" a autonomía de Galicia, en referencia á conmemoración o luns do 40º aniversario do Estatuto de Galicia, ademais de que a súa "xoia da coroa" nesta lexislatura foi apoiar a investidura de Pedro Sánchez como presidente.

"Queren acordos pero non apoian nada", espetou a Pontón, antes de terminar a súa intervención, xa fose de tempo, desexando un "bo Ano Santo a todos". 

Comentarios