Feijóo censura que o Goberno non teña "nin unha soa boa noticia" para Galicia en infraestruturas

Sinalou que non se "sabe nada" da autovía que conectará Vigo e O Porriño
O presidente da Xunta, Alberto Núñéz Feijóo na súa visita a Samaca, en Carballeda de Valdeorras. BRAIS LORENZO
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñéz Feijóo na súa visita a Samaca, en Carballeda de Valdeorras. BRAIS LORENZO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, censurou este venres que o Goberno central, que "leva dous anos coa responsabilidade das infraestruturas", non teña "nin unha soa boa noticia" para Galicia.

En declaracións aos medios durante unha visita a Carballeda de Valdeorras (Ourense), o máximo mandatario autonómico asegurou que a información en infraestruturas por parte do Executivo estatal é "ben escasa" e "ás veces contraditoria".

"Había un compromiso moi claro na circunvalación do Barco, había outro compromiso de seguir esa autovía cara a Monforte pero, lamentablemente, as autovías neste momento en Galicia non gozan do mellor momento", indicou.

Así, denunciou que "está parada" a autovía entre Lugo e Ourense. "E está absolutamente retardada a autovía entre Lugo e Santiago que debería estar finalizada en 2021, e doutras autovías que estaban comprometidas tampouco sabemos nada", apuntou.

A iso, engadiu que "tampouco" se "sabe nada" da autovía entre Vigo e O Porriño e que "non hai avances" na que une Ribadeo e Cervo. "En definitiva, en materia de infraestruturas, de autovías, o goberno actual, que leva dous anos coa responsabilidade das infraestruturas, lamentablemente non creo que teñan nin unha soa boa noticia para Galicia", resolveu.

Comentarios