Feijóo compromete a segunda baixada de impostos máis grande "en 40 anos"

O presidente da Xunta presentou a súa candidatura ante a Xunta Directiva do PP de Pontevedra
Feijóo, en Pontevedra. DP
photo_camera Feijóo, en Pontevedra. DP

O candidato á presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu a segunda baixada de impostos "máis grande" realizada por un goberno autonómico "en 40 anos" coa redución do IRPF, o imposto do Patrimonio, o de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, así como polo mantemento da aposta polo modelo de Impostos Cero no Rural. 

Así o asegurou durante a presentación da súa candidatura ante a Xunta Directiva do PP de Pontevedra, onde considerou que "é o momento de baixar impostos para impulsar a recuperación económica". 

Segundo Núñez Feijóo, o principal reto que a sociedade galega ten por diante é volver recuperarse, "reactivar a economía postpandémica". E para iso, asegurou, "é necesario crecer e crear emprego", o cal, na súa opinión, implica necesariamente "baixar os impostos". 

Para reactivar a economía, sinalou Feijóo, "é necesario reactivar o consumo". E para reactivar o consumo, engadiu, é imprescindible reducir os impostos que o gravan. "Reactivando o consumo, reactivaremos o emprego, empezará a funcionar a roda virtuosa da economía e comezaremos a acelerar o crecemento económico de Galicia".

PORQUE A ECONOMÍA PERMÍTEO. "Outros políticos anuncian baixadas de impostos cando chegan as eleccións. Nós comprometémonos a facelo cando levamos un ano de lexislatura", indicou o candidato á presidencia dos populares galegos. 

Feijóo adiantou que o seu goberno reducirá o IRPF, o imposto de Patrimonio, o de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados e que manterá a súa aposta polo modelo de Impostos Cero no Rural. Todo iso, sinalou, suporá, logo da de 2016, "a baixada de impostos máis grande que nunca fixo un Goberno autonómico en 40 anos". 

O líder popular ha asegurado que está en condicións de asumir estas medidas "porque agora a economía permíteo e porque agora a economía necesítao". 

Tras iso, dixo que Galicia demostrou que "é posible manter ao mesmo tempo o rigor ao cadrar as contas, a mellora dos servizos públicos e unha presión fiscal entre as máis baixas de España". 

Nese sentido, destacou que as rebaixas fiscais acometidas no último lustro permitiron aforrar aos galegos máis de 1.000 millóns de euros, sinalando que foron catro os colectivos prioritarios nos que se centrou esta baixada: menores de 36 anos, persoas con discapacidade, familias numerosas e habitantes do rural.

PRIMEIRO ACTO EN 15 MESES. Alberto Núñez Feijóo participou en Vilagarcía na Xunta Directiva provincial do PP de Pontevedra, onde presentou o proxecto do candidatura ao 17º Congreso autonómico de PPDG. O presidente da Xunta e líder do PPDEG iniciou o seu discurso recordando que o de Vilagarcía era "primeiro acto do partido con público logo de 15 meses". 

Tamén recoñeceu que "este está a ser un congreso diferente". En primeiro lugar, porque se desenvolve respectando normas de seguridade, como a distancia física ou o uso da máscara. Pero, sobre todo, porque é un congreso de "reactivación, de actualización e de ilusión".

ACTUALIZACIÓN IDEOLÓGICA. Tamén chegou a definir o candidato á presidencia do PPDG a cita congresual dos populares galegos como "congreso de actualización ideolóxica". Un congreso para achegar ideas que se correspondan co primeiro terzo do século XXI e de integrar no partido a persoas que non forman parte da vida orgánica delPartido Popular de Galicia. 

Núñez Feijóo sostivo ao presentar a súa candidatura que, a pesar do satisfactorio do balance dos últimos anos, non se presentou polo que fixo senón polo que "queda por facer. "Polo que queda por construír e polo camiño que queda por percorrer", afirmou.

UNHA TRIPULACIÓN PARA UN CAPITÁN. O presidente do Partido Popular en Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o primeiro en facer uso da palabra durante a Xunta Directiva. 

Roda enxalzou a Núñez Feijóo como o "magnifico capitán" que Galicia necesita "para seguir navegando na tormenta". "Como xa o temos, o único que necesitamos é que el siga querendo ser o capitán. E como segue querendo selo: presidente, aquí tes a túa tripulación", manifestou en referencia á xunta directiva do PP pontevedrés. 

No seu discurso de presentación Alfonso Rueda definiu ao Partido Popular como "partido de rúa" ao que lle gustan "os abrazos e as reunións". E congratulouse de que "por fin, logo dun ano podemos xuntarnos" e, aínda que coas restricións que impoñen as normas sanitarias, "celebrar este congreso". 

Comentarios