Feijóo di que o PP "estudará" unha proposta "seria" de PSOE

Asegura que se os socialistas rexeitan un goberno con Podemos e os independentistas os populares poderían chegar a un acordo
Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR
photo_camera Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que se o PSOE "fai algunha proposta sincera e de verdade" de cara a investidura de Pedro Sánchez, o Partido Popular "estudaraa". Iso si, advertiu que "a primeira proposta sincera é dicir que el non vai gobernar con Podemos e os independentistas.

Ademais, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego, Feijóo apostou por que "a segunda proposta" dos socialistas sexa "dicir en que consiste": "Por escrito, cun programa de mínimos e unha firma en caso de chegar a un acordo".

"Se algunha vez o señor Sánchez quere falar en serio, co PP sempre se pode falar en serio. Non hai ningunha conversación en serio co PP e os actos do candidato Sánchez acreditan que pola mañá lle interesa un goberno de Podemos que controle exclusivamente Sánchez e pola tarde preparar unhas eleccións xerais", criticou.

Comentarios