Feijóo xa goza do novo coche oficial

É un DS 9, unha berlina premium do grupo francés Stellantis con tecnoloxía híbrida. O presidente utilizou desde 2009 un Citroën C6
Feijóo baja del nuevo coche oficial, a su llegada al Museo do Pobo Galego en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo baja del nuevo coche oficial, a su llegada al Museo do Pobo Galego en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estreou o venres pasado o seu novo coche oficial, un DS 9 de tecnoloxía híbrida que substitúe así ao Citroën C6 que o acompañou practicamente desde a súa chegada á Xunta no ano 2009. O mandatario galego usou o novo vehículo o día da visita da ministra de Transportes a Santiago e despois tamén se desprazou o domingo nel a Vigo, pero foi este martes cando chamou a atención de moitos á súa chegada ao Museo do Pobo Galego, no centro de Compostela.

O novo vehículo é unha berlina da firma DS, a marca premium do grupo francés Stellantis (PSA Peugeot Citroën). Destaca sobre todo polo tecnoloxía híbrida, que combina gasolina cun motor eléctrico para sacar un rendemento de 225 cabalos de potencia, segundo a ficha oficial.

A súa batería permítelle percorrer en modo eléctrico uns 50 quilómetros e pódese recargar nunha toma convencional en seis horas e media ou nun Wallbox a 7,4 kWh en hora e media. En conxunto, este DS 9 consome apenas 1,5 litros aos 100 quilómetros e as súas emisións de CO2 están nos 34 g/km, polo que encaixa perfectamente na nova filosofía do vehículo ecolóxico. Está fabricado en China e o seu prezo basee no mercado rolda os 55.000 euros.

A nova berlina oficial da Xunta é o buque insignia da marca DS e destaca polas súas dimensións, cunha lonxitude de 4,934 metros, unha anchura de 1,932 e unha altura de 1,460, máis ou menos na liña dos seus predecesores nos garaxes de Monte Pío.

O último foi un Skoda que usou de forma provisional o presidente Feijóo durante só uns meses, ata que se materializou o novo contrato de leasing que inclúe, ademais deste coche oficial, máis doutro centenar de vehículos para a Administración galega.

PREDECESORES. Ata ese momento, a imaxe do presidente Feijóo sempre estivo vinculada a un Citroën C6, nun clara chiscadela á automoción galega e á planta da firma francesa en Vigo. Ese Citroën substituíra ao Audi A8 do presidente Emilio Pérez Touriño, o coche oficial máis polémico da historia porque foi epicentro da campaña electoral de 2009, debido ao seu alto custo.

Antes, nos tempos de Manuel Fraga na Xunta, houbo varios vehículos oficiais, desde un Volvo 960.3 que non fai moito se vendía por internet a bo prezo ata o Audi A8, sempre turismos con blindaxe e con custos elevadísimos.

Durante os últimos anos tamén foron habituais na Xunta o Citroën C5 —que substituíu aos antigos Xantia e XM— e a Volkswagen Passat como coches oficiais, pero neste caso para conselleiros e outros altos cargos do executivo. Agora, no novo contrato da Xunta, o equipo de Feijóo no Goberno utilizará os DS 7 híbridos, vehículos SUV da mesma marca francesa.

Tamén se incorporará outro centenar de coches e furgonetas do grupo Stellantis para utilizar na Administración galega.

Comentarios