lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

Núñez Feijóo: "Entendo o escepticismo galaico sobre o Ave porque nos foron enganando desde 2010"

Feijóo, durante el Consello da Xunta
Feijóo, durante el Consello da Xunta
O presidente galego asegura que a chegada da alta velocidade a Galicia é "imparable" e que a variante de Cerdedo segue a tramitación prevista

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que a chegada do tren de alta velocidade a Galicia é "imparable", aínda que sinalou que comprende o "escepticismo galaico" debido aos diferentes enganos "desde 2010" sobre a data de chegada.

Tras a reunión semanal do Executivo autonómico, Núñez Feijóo destacou a "transparencia" e o compromiso do ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, que fixou no terceiro trimestre de 2019 a conclusión das obras fronte a 2018, a data anteriormente comprometida. "Os galegos non podemos estar satisfeitos coa data do Ave porque nos foron enganando desde 2010", sinalou Núñez Feijóo, que considerou que o "atraso" de tres trimestres actual ten un "contexto" que é, incidiu, "o ano de parón e bloqueo" institucional pola falta de Goberno.

O dirixente popular eludiu "comparar atrasos" doutros gobernos, porque son coñecidos, e porque "non se trata de ver quen deu unha data máis afastada da realidade", asegurou.

En canto á crítica dos distintos grupos da oposición, que coinciden en que o novo prazo tampouco se cumprirá, insistiu en que durante un ano dixo en público que o bloqueo no Goberno produciría "bloqueos" en distintos proxectos, incluídas as infraestruturas. "Se alguén cre que bloquear un país non ten consecuencias equivócase", concluíu.

Feijóo admitiu a preocupación dos cidadáns pola conclusión deste proxecto, xa que "desde hai dez anos estiveron a cambiarlles as datas" e incidiu en que o problema "non son estes tres trimestres, senón que chove sobre mollado. Déronnos datas de forma pouco responsable", opinou. En calquera caso, o proxecto do Ave é "imparable", porque non o vai a parar ningunha forza política; "nin os que preguntan agora pola data de execución nin os que o consideran un malgasto".

CERDEDO. Respecto da execución da variante de Cerdedo, para a chegada directa a Vigo desde Ourense, sen pasar por Santiago, o presidente galego dixo que da planificación "non cae ningunha liña", polo que a súa tramitación segue os prazos previstos. De todos os xeitos sinalou que primeiro é preciso que o tren de alta velocidade chegue a Ourense, recordou.

Respecto da palabra do ministro sobre o novo prazo, destacou que a súa vontade é cumprilo e para iso comprometeuse a visitar cada tres meses as obras, polo que se hai incumprimentos el mesmo dirallo.

Núñez Feijóo: "Entendo o escepticismo galaico sobre o Ave porque...
comentarios
ç