Feijóo pide un voto masivo para "non pór o Goberno de Madrid na Xunta"

O líder do PPdeG defende un "voto seguro" fronte á estratexia do "medo" do "multipartito"
Feijóo, en un mitin en Ourense. BRAIS LORENZO
photo_camera Feijóo, en un mitin en Ourense. BRAIS LORENZO

O presidente galego e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, instou a votar masivamente o próximo 12 de xullo para conseguir a maioría absoluta para o seu partido e evitar "pór o Goberno de Madrid na Xunta", en referencia a unha coalición do PSOE e outros partidos.

Nun mitin no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela, instou a non imitar a fórmula do Goberno central "máis o nacionalismo rupturista" de Galicia e recriminou que o Executivo non respecta á comunidade porque quere pechar as centrais térmicas de Meirama e As Pontes, ou a factoría de Alcoa en San Cibrao.

"Se Madrid non nos respecta, non poñamos o Goberno de Madrid na Xunta porque se non rirían dúas veces, unha desde Madrid e outra desde Santiago", advertiu.

Feijóo aproveitou a súa presenza en Santiago para recordar aos expresidentes da Xunta, Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, ao pedir o voto "para Galicia" o 12 de xullo e conseguir "un resultado estratosférico" que permita unha maioría absoluta para gobernar.

Primeiro glosou a figura de Albor e despois a de Fraga, de quen dixo que foi "un antes e un despois" da autonomía galega e referiuse aos resultados das eleccións de 2005, cando a pesar de conseguir un 45,8 % dos votos o PP quedou sen a maioría absoluta e gobernou o bipartito.

Defende o "voto seguro" fronte a estratexia "do medo" do multipartito
O candidato á presidencia da Xunta apelou este mércores a acudir a votar o vindeiro domingo 12 tras asegurar que "nunca" foi tan seguro acudir aos colexios electorais para exercer o dereito ao voto fronte " estratexia do medo" que buscan impulsar o resto de forzas políticas. 

Así o trasladou nun mitin que se celebrou ao aire libre no exterior do restaurante de Santa Cruz de Arrabalde, en Ourense, nunha xornada na que parecía que ía caer unha tormenta que finalmente se contivo. 

Nese escenario, Feijóo chamou a non caer "na trampa" e acudir a votar.  O líder dos populares galegos pediu "que non nos tomen o pelo" tras reivindicar o voto como "algo seguro", "máis que ir a un bar 15 minutos a votar", sostivo neste acto, onde estivo acompañado do presidente do PP de Castela e León, Afonso Fernández Mañueco, e o presidente provincial, Manuel Baltar.

Comentarios