Feijóo pon á Xunta a disposición do Goberno para axilizar o ingreso mínimo vital

subliñou que o seu gabinete aprobou "primeiro un plan social de continxencia destinado a parar o primeiro impacto da crise"
Feijóo, en rueda de prensa tras el Consello da Xunta. AGN
photo_camera Feijóo. AGN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este luns que pon a disposición do Goberno a "experiencia" da comunidade autónoma "para xestionar de forma rápida o Ingreso Mínimo Vital" e afeou que polo momento o perciba "só o 10%" de posibles beneficiarios.

Nunha visita a Ferrol, sinalou que o Executivo galego leva "moito tempo xestionando este tipo de prestacións". Por iso, avogou por axudar "para que o poidan percibir no menor tempo".

Respecto diso, aludiu á tramitación da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) durante un percorrido pola Cociña Económica ferrolá.

Nesta liña, subliñou que o seu gabinete aprobou "primeiro un plan social de continxencia destinado a parar o primeiro impacto da crise".

"Despois, un plan de recuperación social de máis de 60 millóns de euros para facilitar que os fogares máis vulnerables puidesen superar esta situación", engadiu.

Neste punto, Feijóo citou a activación do Cartón Básico, que contempla unha axuda de entre 450 e 900 euros ao trimestre para produtos de primeira necesidade.

Así, incidiu en que xa beneficia a máis de 6.000 familias en toda Galicia.

Finalmente, apuntou a aplicación de medidas de axilización e flexibilización da Risga ou o incremento nun 50 % da partida autonómica de axudas de inclusión social para incluír a 1.200 novos beneficiarios con necesidades de urxencia. 

Comentarios