Fenosa presentará unha proposta para retomar varias rutas en catamarán

A empresa Gas Natural Fenosa comprometeuse coa Deputación de Lugo a buscar unha solución para que as rutas dos catamaráns polos canóns do Sil e o Miño, na Ribeira Sacra, poidan funcionar con relativa normalidade durante os meses de verán, a pesar da baixada de caudal polo aproveitamento hidroeléctrico dos ríos.

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, explicou que nun contacto informal con directivos da operadora eléctrica, a empresa comprometeuse a presentarlle ao goberno provincial unha proposta esta mesma semana.

Segundo Veiga, a propia eléctrica recoñeceu que o nivel da auga será baixo durante toda a tempada estival, como consecuencia das obras de mantemento que a empresa adxudicataria está a realizar no encoro de Belesar, polo que haberá que buscar algunha solución de carácter técnico que permita manter as rutas dos catamaráns.

De feito, a Deputación de Lugo xa se viu obrigada a suspender por tempo indefinido unha das rutas turísticas que realizan os catamaráns da institución provincial pola Ribeira Sacra, como consecuencia do descenso do nivel da auga no río Miño, á altura dos Peares.

Veiga confía en que a empresa presente unha proposta que permita "restablecer o servizo canto antes" e, con respecto á solución técnica, recoñeceu que unha das posibilidades que habería que explorar sería a de aumentar a lonxitude das pasarelas para facelas chegar, practicamente, "ao medio do río".

RUTAS AÍNDA ABERTAS
A pesar do peche dunha das rutas, continúan funcionando outras tres polos canóns dos ríos Miño e Sil, na Ribeira Sacra lucense, que son as que van dos Peares ata Maiorga e Os Robles -Miño- e a que parte e regresa de Doade -Sil-.

No entanto, aínda que esas rutas funcionan nestes momentos con total normalidade, a Deputación xa advertiu no seu día de que se a baixada do nivel de auga continúa nas próximas semanas, podería verse na obriga de suspender tamén as dúas que parten dos Peares.

Comentarios