viernes. 27.11.2020 |
El tiempo
viernes. 27.11.2020
El tiempo

Fomento non cambiará o trazado do AVE pola mina de cuarzo de Serrabal

A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, anunciou onte no Congreso dos Deputados que non se modificará o trazado do AVE Santiago-Ourense, ao seu paso pola mina de cuarzo de Serrabal. A explotación, ubicada entre os concellos de Vedra e Boqueixón, é propiedade do empresario Juan Miguel Villar Mir.

A ministra de Fomento argumentou que o AVE terá que pasar pola mina de cuarzo, asegurando que calquera modificación no trazado das vías suporía un retraso nas obras de cando menos dous anos.

Magdalena Álvarez engadiu que, segundo un recente estudo feito pola Universidade de Oviedo, o actual trazado do AVE só afectará a un 10% da explotación de Serrabal, polo que non haberá "efectos desastrosos" sobre a canteira de Villar Mir. O informe prevé que, a pesar do trazado do AVE, a actividade das minas de cuarzo podería manterse outros 50 anos, como demostra o feito de que o empresario renovase por 30 anos máis a concesión da explotación de Serrabal.

Os traballadores da mina xa advertiron que se mobilizarán contra o trazado do AVE por Serrabal e que non permitirán que o tren de alta velocidade pase pola mina. Acusan a Fomento de basear os seus argumentos nun estudo erróneo e obsoleto que non reflicte o verdadeiro impacto que o trazado terá sobre a mina. Ven perigar os seus postos de traballo e aseguran que "o tren por aquí non pasa".

Trazado polémico
A decisión de Fomento chega despois de que o pasado 20 de abril o Parlamento galego, co apoio de PSdeG, PP e BNG, pedira á Xunta que mediase para conseguir a compatibilidade do trazado do AVE coa mina de Serrabal. A iniciativa da Cámara galega defendía que un cambio no trazado non suporía un retraso, porque aínda hai outros nove tramos das vías de alta velocidade que faltan por construír este ano, polo que o que afecta á mina se podería deixar para o final.

Segundo os datos da empresa, o actual trazado afectaría a 1.700 dos 2.700 metros de filón de cuarzo, e levaría por diante uns 1.600 postos de traballo entre directos e indirectos.

Os traballadores da empresa xa protestaron anteriormente en varias ocasións contra este trazado do AVE, argumentando que perigaría o seu futuro laboral, e que calquera acordo de compensación económica entre o Goberno e Villar Mir non beneficiaría aos traballadores, senón só á empresa.

Fomento non cambiará o trazado do AVE pola mina de cuarzo de Serrabal
comentarios