Fomento prevé licitar o tren ao porto exterior ''no último trimestre''

A ministra de Fomento, Ana Pastor, manifestou hoxe que ten a intención de licitar o proxecto construtivo do tren ao porto exterior de Ferrol "no último trimestre do 2012".

Farao unha vez que o Ministerio de Medio Ambiente, que solicitara información complementaria do trazado, conclúa os informes necesarios para a Declaración de Impacto Ambiental.

Pastor, que desenvolveu parte da súa carreira profesional como médico en Ferrol, visitou esta mañá o consistorio da cidade naval, onde mantivo unha breve reunión de traballo co rexedor popular, José Manuel Rey Varela, ademais de deixar a súa rúbrica no Libro de Ouro da urbe.

Posteriormente, a ministra desprazouse ao novo Centro de Coordinación de Servizos do porto exterior de cabo Prioriño, acompañada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, e o presidente do porto ferrolán, Ángel del Real. Alí dixo que a conexión ferroviaria do porto "é unha obra prioritaria", e explicou que o proxecto será "o máis viable e o máis respectuoso medioambientalmente".

A conexión por tren coa rada de Caneliñas é unha demanda unánime de partidos e sindicatos na comarca ferrolá, que consideran que esta infraestrutura é vital para garantir a viabilidade económica do porto e o seu papel como motor económico da comarca. "Licitaremos este proxecto que é tan importante e esperado para Ferrol", dixo.

RITMO DE NEGOCIO DO PORTO
Ademais, Pastor quixo destacar hoxe o bo ritmo de negocio da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que segundo declarou este mediodía, creceu "un 30 % en 2012", e xa traballa para habilitar a súa futura terminal de colectores, adxudicada a unha empresa lusa.

A ministra tamén escoitou as demandas da corporación ferrolá que hoxe lle reclamou os investimentos comprometidos polo Goberno central para acometer viarias na cidade, entre as que destaca a rebaixa do noiro das Pías, a ponte que une as beiras norte e sur da ría ferrolá.

COMPROMISO COA CIDADE
Pastor dixo que o anterior Executivo socialista deixara asinado un protocolo coa cidade que "era un documento sen financiamento". Pediu ao goberno ferrolán, do PP, que redacte unha lista coas demandas máis urxentes e comprometeuse a porse "ao choio" para darlles solución.

Ademais, explicou que o adianto electoral ha postergado a inauguración do novo edificio de servizos portuarios, que se construíu con fondos da Unión Europea. Preguntada por este adianto electoral en Galicia manifestou que lle parece unha decisión "acertada" e "eficiente" en interese "xeral", porque a conxuntura económica "non permite unhas eleccións hoxe e dentro duns meses, outras".

APOIO INCONDICIONAL A FEIJÓO

Pastor asegurou en declaracións a xornalistas que a decisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de non esgotar a lexislatura e adiantas os comicios autonómicos ao 21 de outubro parécelle a máis "acertada". "É unha decisión acertada polo interese de Galicia e polo xeneral de todos os españois, porque nun momento económico como este non nos podemos permitir unhas eleccións hoxe e outras dentro duns cantos meses", asegurou Pastor, que hoxe se definiu "como membro do Goberno de España e como militante de base do PP de Galicia".

"Feijóo ten todo o meu apoio", reiterou. "Creo que fixo moitas cousas nun momento moi complicado e duro da economía". "Algúns incluso se mofaron cando dixo que había que recortar gastos en coches e cargos", engadiu en alusión á política "de austeridade", que a xuízo da ministra de Fomento, marcou o mandato do presidente galego á fronte da Xunta.

Como exemplo, Pastor subliñou que "Galicia é a comunidade autónoma que mellor cumpriu co obxectivo do déficit". "Agora os galegos avaliarán como se gobernou aquí", concluíu.

Comentarios