O Franco demandarán ao Estado tras prohibirlles a entrada en Meirás

A familia do exdictador sostén que queren prepararse para saber cantos camións necesitará a empresa de mudanzas para baleirar o pazo
Pazo de Meirás. CABALAR
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR

A empresa de mudanzas contratada pola familia Franco non puido entrar este xoves no Pazo de Meirás para iniciar o traslado dos bens, xa que un vixiante de seguridade dunha empresa privada impediullo, polo que o avogado do Franco anuncia que demandarán ao Estado nos xulgados. 

O letrado Luís Felipe Utrera-Molina explicou a Efe que esta empresa de mudanzas chegou este xoves ás dúas da tarde ao recinto de Meirás, onde prevía acceder para calcular a loxística de transporte que debe ter en conta para trasladar definitivamente o mobiliario, tal e como determinou a Audiencia Provincial da Coruña.

"O Estado denegoulle o acceso á empresa de mudanzas designada polos meus clientes para entrar no Pazo de Meirás", indicou Utrera-Molina, despois de que o vixiante de seguridade recibise dos seus superiores a instrución de denegar a esta empresa de mudanzas a entrada ao inmoble. 

Como consecuencia, o avogado madrileño ha confirmado a Efe que denunciará "ao Estado" no xulgado esta circunstancia, porque "a Administración está obrigada, igual que calquera particular, a cumprir as resolucións xudiciais", recordou. 

Segundo Utrera-Molina, a dilixencia de ordenación da Audiencia Provincial da Coruña do pasado mes de abril require ao Estado a que facilite o acceso aos profesionais designados polo Franco "e é o que imos facer". 

"Como non nolo permitiron, imos denuncialo ao xulgado", insistiu o letrado, á vez que confirmou que "só temos un mes para facer a mudanza, e o tempo empezou a contar o día 29 de abril".

No entanto, a Avogacía do Estado interpuxo un recurso de reposición no que impugna o prazo dun mes para retirar os bens mobles do Pazo de Meirás, e ademais pide que se garanta o contido do inventario dos bens que se atopen no interior antes da súa retirada. 

Presentaron recurso tamén a Xunta, a Deputación e o Concello da Coruñaasí como o de Sada, onde se sitúa o Pazo. 

Sobre o tempo que precisa a empresa para completar o proceso de traslado, o portavoz xurídico da familia explicou que non é posible precisalo de momento porque "alí hai moitas cousas e o primeiro que ten que facer a empresa de mudanza é calcular cantos camións necesitan para realizar todo o traballo, porque este proceso non consiste en chegar alí, metelo nun coche e dicir que mo levo", dixo. 

Tamén detallou que o traslado incluirá as estatuas do Mestre Mateo e os libros da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, pero sinalou que sobre estes bens deben esperar unha autorización da Xunta de Galicia, cumprindo coa lei de patrimonio da administración autonómica galega. 

En todo caso sinalou, taxativo, que aínda que teñan a consideración de bens BIC "son propiedade dos meus clientes"

O avogado da familia Franco explicou que non pode adiantar cando sairán estes bens en concreto do Pazo porque o primeiro que farán será "designar o novo destino, porque é algo que hai que comunicar á Xunta, e por agora non se se os van a levar a Madrid ou a outro sitio". 

En calquera caso, os bens protexidos non irán xunto ao resto do lote de bens que serán transportados polos camións de mudanza que contratou a familia, xa que aínda que "a idea é que nos imos a levar as estatuas, hai que contratar un transporte especial, non unha empresa de mudanza, cun seguro especial, e iso leva máis tempo".

Comentarios