Os Franco pñen en venda a Casa Cornide durante o xuízo polo Pazo de Meirás

A familia Franco pon á venda a Casa Cornide, na Coruña
Fachada Casa Cornide. ARCHIVO
photo_camera Fachada Casa Cornide. ARCHIVO

A familia Franco pon á venda a Casa Cornide, o emblemático edificio situado na Cidade Vella da Coruña cuxa titularidade pretende reclamar o Concello da cidade, á vez que se celebra o xuízo pola propiedade de Pazo de Meirás, confirmaron a Efe fontes do Consistorio herculino.


O anuncio do inmoble pódese ver nun coñecido portal de internet con prezo "a consultar" e publicado pola inmobiliaria co título de Casa "ou chalé na cidade vella", sen matizar o coñecido nome deste inmoble. Contén fotografías do interior, nas que se aprecia, a través das fiestras, o exterior con vistas á Colexiata Santa María del Campo.


O anunciante defínea como "exclusiva propiedade do ano 1900", de 1.430 metros cadrados, con 11 dormitorios e 13 baños, de planta moi regular, trapecial e con fachadas a tres rúas. A descrición menciona que o palacio de estilo barroco foi reformado no ano 1964 e no 2018, aínda que, engade, a casa require dunha reforma integral, aínda que "os materiais existentes atópanse en perfecto estado de conservación e a estrutura da casa é unha combinación de elementos metálicos e de pedra".


Fontes do Concello da Coruña mostráronse, en declaracións a Efe, en contra deste anuncio de venda que a familia Franco non lles comunicou, porque "ese patrimonio non lle pertence senón que é de todos os coruñeses".


"Estamos a traballar, logo dunha declaración plenaria con amplo consenso, en restaurar ou crear e impulsar unha declaración de Ben de Interese Cultural desa casa", engaden as fontes, que sinalan que o informe, que é positivo, estará listo nas próximas semanas e será enviado á Xunta e ao Goberno.


O Concello acóllese, para alegar a súa propiedade pública, a investigacións que reflicten que o inmoble acabou en mans do ditador a través dunha poxa fraudulenta pola que Pedro Barrié de la Maza supostamente adquiriría o ben e vendeullo a Franco.


Ademais, desde o Consistorio herculino avisan de que intentará, se non se pode doutro xeito, recuperar na xustiza esta casa "que é patrimonio de todos e non pode estar en venda". Tras aludir a informes que avalan que o proceso de entrega da propiedade a Franco foi "irregular", as mesmas fontes insisten en que "ese ben é dos coruñeses".

Comentarios