A fuga frustrada dun ladrón con moi mala sorte

Roubou o vehículo da nai dun garda civil fronte ao cuartel, picou unha roda e subtraeu outro que tamén se averiou. Fuxiu a pé pero collérono

El coche de la madre del guardia civil, en el taller por el reventón. CRTVG
photo_camera O coche da nai do garda civil, no taller polo rebentón. CRTVG

Xustiza divina, karma ou simplemente mala sorte. Un ladrón que tivo o arroxo de roubar un coche ás portas do cuartel da Garda Civil da Gudiña non chegou moi lonxe porque picou unha roda, subtraeu outro vehículo que tamén sufriu unha avaría e despois intentou seguir a súa fuxida a pé, pero por pernas non foi máis veloz que os axentes que o perseguiron e detiveron no próximo municipio de Verín. 

Os feitos poden enmarcarse en anécdota pero a punto estiveron de ter consecuencias graves, pois na súa fuxida o caco rozou cun retrovisor á propia dona do primeiro vehículo roubado, que é nai dun garda civil ao que precisamente fora a visitar á casa cuartel. "Aparteime porque viña un coche largado [moi rápido], e imaxina cando me dei conta de que era o meu. Quedei con cara de parva!", contou a muller ás cámaras da TVG. 

Ao decatarse de que estaba a ser vítima dun roubo, non o pensou: "Chamei inmediatamente o meu fillo, indiqueille por onde fuxira e xa se puxo a Garda Civil tras o ladrón". Unha patrulla localizou o seu Opel Corsa branco a uns quilómetros de distancia dirección Verín cun rebentón nun pneumático, nun lugar próximo onde máis tarde se tivo constancia dunha subtracción doutro coche, o cal foi localizado avariado en Verín. Non moi lonxe atoparon o ladrón, que intentou fuxir á carreira pero os gardas foron máis rápidos e detivérono

Afortunadamente, os dous turismos roubados non presentan danos graves máis aló da picada e unha avaría mecánica, respectivamente. A nai do axente, con todo, congratúlase do contratempo: "Senón chega a picar, igual o ladrón tira para Portugal e quedo sen coche".