O galego prepara o seu salto a Alexa, Siri e WhatsApp

Xunta, USC e entidades privadas colaboran no proxecto Nós de intelixencia artificial
 
Presentación do proxecto Nós. XOÁN REY
photo_camera Presentación do proxecto Nós. XOÁN REY

A lingua galega prepara o seu salto ao mundo dixital grazas ao proxecto Nós de intelixencia artificial, que se propón que o idioma propio de Galicia poida ser empregado con asistentes de voz e que tamén o detecten outros sistemas como correctores, tradutores automáticos e outros procesadores de texto. 

Xunta, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e entidades privadas colaborarán cun orzamento público inicial de 15,5 millóns de euros para o período 2021-2025. A idea é "arrastrar" en total 45 millóns de euros –a través de produtos tecnolóxicos– e crear "de forma directa ou indirecta" uns 450 postos de traballo, segundo destacou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. 

Feijóo presentou este martes na Cidade da Cultura este proxecto, que opta a fondos europeos para a recuperación da crise da covid (Next Generation). En calquera caso, segundo avanzou, "non ten marcha atrás" e desenvolverase con ou sen eles, aínda que a obtención deste diñeiro posibilitaría que o avance sexa "máis rápido".  "Garantirá que a cidadanía en Galicia poida participar no mundo dixital sen renunciar á súa lingua", proclamou o titular do Goberno autonómico. 

En concreto, Nós consistirá na articulación de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto, que poderán usar empresas, institucións e particulares. "A idea está ben, pero agora hai que construír o edificio do galego no mundo dixital", destacou Núñez Feijóo.

OS RECURSOS. Estes recursos serán, en primeiro lugar, un sintetizador de voz, que permita a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego e posibilite escoller xénero, idade...

Un segundo apartado será un reconocedor de fala que permita a interacción persona-máquina ou a substitución automática. O terceiro, un xerador de lingua natural, que converta datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais. 

Tamén está prevista a creación dun sistema de diálogo xenérico, isto é, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros. 
Igualmente, un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz e un sistema de corrección lingüistica automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical.

O GALEGO, "NA NOVA GALAXIA DIXITAL". Nun acto presentado pola xornalista Esther Estévez –do espazo Dígocho eu en CRTVG–, este proxecto foi sinalado para sentar as bases para o desenvolvemento dunha industria galega de navegadores, GPS, asistentes, tradutores automáticos e outros servizos. En resumo, "para situar a Galicia na vangarda das tecnoloxías". 

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, subliñou que se se quere que as novas xeracións falen galego "han de poder facelo tamén coas máquinas que formen parte da súa vida diaria". 

Do mesmo xeito, chamou a atención sobre a utilidade da intelixencia artificial tamén para a xente maior, e a importancia de que tamén eles "poidan comunicarse en galego".   A intelixencia artificial non é só unha cuestión tecnolóxica, advertiu López, "é social", polo que avogou por unha resposta que "eficaz, ética e responsable". "Tecnoloxía e humanidades deben ir da man", salientou. 

Tanto o presidente da Xunta como o reitor da universidade compostelá reivindicaron o legado da xeración Nós e aplaudiron o acertado de dar a este proxecto o seu nome. 

Ademais, López apuntou que "atraerá e formará a máis de medio centenar de especialistas" e "creará relacións e fortalecerá as existentes" entre eles, co que supón para contribuír a crear "un ecosistema empresarial de I+D en ámbitos de gran potencial". Neste sentido, erixiuno en "punto de inflexión para Galicia", posto que "dará voz na nosa lingua a todos os galegos neste novo escenario dunha galaxia dixital".

'SIRI', 'ALEXA' E 'WHATSAPP' EN GALEGO. Pola súa banda, na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo valorou a "enorme transcendencia" de permitir "que o galego recupere as posibilidades de competencia nun mundo dixital" no que a sociedade se penetra "cada vez con maior velocidade". Xa que isto "non interesa á iniciativa privada, por tanto entra o sector público", aínda que con colaboradores privados. 

"Este pobo ten unha clara vocación de universalidade á que non vai renunciar. Sería tanto como dobregar o que fomos e dimitir das nosas responsabilidades", proclamou. 

Así, coa "obrigación de defender" o idioma e a cultura propios, marcouse o reto de "avanzar na universalización" do galego, e dixo que Nós fíxase o obxectivo de que o galego "se integre a nivel de calquera outra lingua", como o inglés, o español e o mandarín. 

Neste sentido, apuntou a exemplos de uso como a tradución automática, produción de contidos, "para electrodomésticos, maquinaria, vehículos autónomos e conectados...". 

"Actualmente un galego falante non pode falar con Siri ou con Alexa", advertiu, para pór de relevo o "risco de relegar aos idiomas que non se incorporen" ao mundo dixital. "Para iso estamos aquí, para incorporarnos ao futuro tecnolóxico que é xa presente", dixo. 

Con esa aspiración de "lograr que os falantes poidan usar o galego con normalidade nos dispositivos que se usan diariamente", Feijóo enumerou as ferramentas en que traballará Nós. "Francamente, é moi difícil mandar un 'whatsapp' en galego", queixouse, aludindo aos correctores.  En canto ao orzamento, indicou que é o investimento directo "maior de toda a historia" en materia de idioma. 

Comentarios