Os galegos que superaron o virus recibirán unha enquisa sobre secuelas

Os resultados servirán para determinar se é necesario derivalos a unha das unidades postcovid
Un hospital
photo_camera Material sanitario. ARQUIVO

Os galegos que pasen o coronavirus recibirán nos seus móbiles unha enquisa voluntaria sobre síntomas persistentes e secuelas para determinar se é necesaria a súa derivación a unha unidade postcovid, que tratarán de forma directa a aquelas persoas que estean hospitalizadas. 

Así o explicaron varios expertos durante un seminario web desenvolvido este xoves e aberto polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para dar a coñecer as unidades postcovid creadas nas sete áreas sanitarias, así como as súas funcións e o modo no que traballarán. 

Estas unidades, que comezan a funcionar este mes nas sete áreas, tratarán de forma automática durante 12 semanas —o tempo no que se estima que persisten máis síntomas ou secuelas— aos pacientes covid que sexan hospitalizados. Con todo, a intención da Consellería de Sanidade é que o servizo se estenda a todas as persoas que padeceron a enfermidade e poden presentar secuelas, de modo que reciban unha atención multidisciplinar. 

Aínda que o acceso poderá facerse desde a Atención Primaria, Sanidade enviará a todos os pacientes rexistrados como positivos de covid unha invitación a realizar a enquisa para determinar se poderían padecer secuelas ou covid persistente e, no seu caso, derivalos á unidade de referencia.

Os expertos chaman a diferenciar as secuelas do 'covid prolongado' e estiman que a maior parte destes últimos están sen diagnosticar 

A doutora Pilar Rodríguez Ledo, médica de primaria, destacou durante o seminario a importancia de contar cunha enquisa estandarizada de cribado para coñecer o grao de afectación de cada paciente. Esa mesma ferramenta permitirá ter máis información sobre a evolución da enfermidade a longo prazo. 

Para iso, deseñouse unha enquisa en base aos síntomas maiores ou máis frecuentes dos pacientes que pasaron a covid —como dificultade para respirar, cansazo extremo, febre ou febrícula, mareos ou perda de peso, entre outros— e en base a outros que non son tan frecuentes ou non tan "discriminativos", como a cefalea, os trastornos do ánimo, a perda de gusto, os síntomas dixestivos ou a ansiedade. 

Pilar Rodríguez Ledo diferenciou entre as persoas que pasaron o covid e teñen secuelas —sobre todo homes, de idade avanzada e con outras patoloxías— e aquelas que presentan covid persistente, isto é, síntomas da enfermidade pero unha vez deron negativo nas probas. Neste caso as máis afectadas son mulleres de mediana idade e sen outras patoloxías. 

Con esta situación, a experta advertiu de que non están aínda identificados "a maioría dos pacientes" con covid persistente, dado que se trata de persoas novas, sen unha vixilancia tan intensa. "Moitos non saben que é o que teñen, moitos non consultan, outros si, pero ante esta presentación sintomática tan variada, non é sinxelo", explica.

Estas unidades tamén tratarán de forma automática os pacientes covid que sexan hospitalizados

Durante a apertura do seminario, o conselleiro de Sanidade destacou a importancia destas unidades e dos cuestionarios aos pacientes para estudar as consecuencias da enfermidade e "ir un paso por diante" no coñecemento do covid-19. "O coñecemento é fundamental; é necesario saber máis e mellor da repercusión do covid na calidade de vida", dixo Comesaña. 

Na sesión participou tamén o doutor Alberto Fernández Villar, xefe do servizo de pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que fixo fincapé na importancia de marcar "uns tempos" para o paciente e as súas secuelas: a fase de enfermidade aguda —ao redor de catro semanas—, o covid prolongado —de 4 a 12 semanas— e a enfermidade postcovid —máis de 12 semanas—. 

Así mesmo, indicou que ás secuelas iniciais primarias que se esperaban da patoloxía, fundamentalmente pulmonares e tromboembólicas, fóronse descubrindo outras afeccións, como a fatiga, os problemas de concentración, a perda de pelo, a disnea ou a dificultade para durmir, especialmente en pacientes con cadros menos graves. Un dos retos, apuntou, será a detección de casos, especialmente aqueles contaxiados durante a primeira onda e que non tiveron acceso a unha proba PCR de confirmación.

Comentarios