Galicia conclúe o mes de xaneiro máis seco nunha década

Choveu "menos da metade do esperable" â?? Meteogalicia implementará en próximas semanas un novo modelo para facilitar previsións a escala dun quilómetro
La conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, y la meteoróloga Ana Lage, este martes en la sede de Meteogalicia. XUNTA / EUROPA PRESS
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a meteoróloga Ana Lage, este martes na sede de Meteogalicia. XUNTA / EUROPA PRESS

O mes de xaneiro en Galicia concluíu con "predominio de influencia anticiclónica" que se prolongou durante 20 días e cun "déficit de precipitacións" que o deixa como o máis seco en 10 anos, xa que non se rexistraban uns valores tan baixos desde o ano 2012. 

Así o resumiu a meteoróloga Ana Lage nunha conferencia de prensa ofrecida este martes desde a sede de Meteogalicia, en Santiago de Compostela, na que tamén interveu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez

E é que as precipitacións durante este primeiro mes do 2022 concentráronse "nos primeiros 10 días", tras os cales chegaron as altas presións e choveu "menos da metade do esperable" para un xaneiro. 

Tal e como sinalou a conselleira, os valores recollidos polas estacións de Meteogalicia estiveron "un 64 por cento por baixo" do valor climático normal, de acordo con datos do informe mensual. Habería que botar a vista atrás a 2017 e a 2012 para atopar dous precedentes similares, con caídas do 62 e do 68 por cento, respectivamente, sobre os datos habituais. 

En concreto, a media acumulada de choiva en Galicia para xaneiro foi de 58 litros por metro cadrado (l/m²). Por zonas, destaca o contraste entre o oeste da Comunidade, con valores locais de 130 l/m²; e varias comarcas da provincia de Ourense, cunha media de 15 l/m². é máis, algunha localidade da comarca de Valdeorras non chegou aos 5 l/m².

Esta anomalía dun inverno con escasas precipitacións, que tamén se deu en xaneiro de 2012 e de 2017, garda "bastante correlación" cun fenómeno denominado A Nena que ocorre cando se arrefría o Océano Pacífico e produce "un cambio na dinámica atmosférica", segundo explicou Ana Lage. 

Isto ten como consecuencia que as augas se movan a costas de Australia" e este episodio de natureza marítima "acaba dando lugar a cambios nas precipitacións" do hemisferio norte. A Nena reprodúcese cunha cadencia de "entre dous e sete anos", aínda que "ultimamente é cada cinco", precisou a Meteoróloga. 

Sobre o mes de febreiro, Lage avanzou que xa empezou "practicamente igual" que xaneiro. Así, esta mesma semana, entre xoves e venres, chegarán a Galicia "frontes moi pouco activos" e con "choivas moi pequenas", pero a curto prazo non hai previsión de grandes borrascas.

Gran oscilación térmica

En canto ás temperaturas, xaneiro caracterizouse en Galicia por diferenzas moi altas entre as mínimas e as máximas, sobre todo en zonas do interior. Na costa, en cambio, esta oscilación foi menos acusada o efecto suavizante" do mar.

Máis en detalle, a temperatura media rexistrada polas estacións de Meteogalicia foi de 8,4 graos, é dicir, 0,4 graos máis sobre a media 1981-2010. Isto "permite considerar o primeiro mes do ano como cálido", engadiu a conselleira de Medio Ambiente.

Os contrastes entre o día e a noite foron máis grandes en zonas do interior da Comunidade como Xinzo de Limia ou Verín, ao sur de Ourense, xa que se alcanzaron os -10 graos pola noite mentres que as máximas polo día estaban próximas aos 15 graos positivos.

Mentres tanto, noutras zonas –principalmente na costa–, algúns días de xaneiro superáronse os 20 graos.

"Non é preocupante"

Preguntada sobre este episodio de seca que viviu Galicia en xaneiro, a conselleira asegurou que "non é preocupante" como para "ter que tomar medidas", tendo en conta que os datos serán analizados polos técnicos presentes na comisión de seca. "Temos que ver o que ocorre en febreiro e aí facer distintas valoracións", apostilou. 

Iso si, son datos que observará a Xunta para implementar "cara ao futuro" as medidas recollidas na súa estratexia de cambio climático e "empezar a traballar" na lei do clima de Galicia

Así mesmo, sobre a incidencia que pode ter esta seca nos encoros, a meteoróloga Ana Lage recordou o que ocorreu en 2012, cando as precipitacións de xaneiro foron incluso máis baixas que este ano pero na primavera foron "moi importantes"

"A atmosfera non ten memoria. Hai veces que os invernos secos foron logo compensados por primaveras húmidas, e houbo outros que non", resumiu.

Predición a escala de 1 quilómetro

Durante a súa visita á sede de Meteogalicia, a conselleira de Medio Ambiente tamén aproveitou para destacar a "referencia" climatolóxica e científica que supón esta institución desde a súa posta en marcha no ano 2000. 

Desde entón, dixo, Meteogalicia experimentou unha "evolución constante" ata ter actualmente 157 estacións de rexistro e 1.104 sensores repartidos polo territorio. 

Finalmente, aproveitou para avanzar que en próximas semanas terá un novo modelo de predición para faciliar información sobre a previsión do tempo, as precipitacións, a temperatura e o vento nunha escala de resolución de un quilómetro fronte aos "tres, catro" que ten nestes momentos.

Xaneiro con marca de temperatura máxima en Santiago

En canto ao tempo da capital galega, os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) observaron que xaneiro de 2022 bateu marca de temperatura máxima atendendo aos datos "dos últimos 50 anos", segundo explica o director deste ente, José Ángel Docobo, nun comunicado. 

Así, o 1 de xaneiro rexistráronse 21,5 graos. Hai que remontarse ao 29 de xaneiro de 1994 para atopar o seguinte valor máis alto: 21 graos. 

Con todo, non foi o mes de xaneiro máis asollado, xa que houbo 162 horas de insolación, superadas polas dos xaneiros de 1989 (166 e 45 minutos) e 1992 (178 horas e 10 minutos). 

Tampouco foi o máis chuvioso. Santiago rexistrou neste primeiro mes do ano 63,9 litros/metro cadrado, todos eles nos primeiros 10 días. No entanto, o de 1981 foi aínda moito máis seco: 23,9 l/m² en seis xornadas.