Gañemos inicia con Xuntos unha rolda de reunións con vistas ás municipais

A plataforma cidadá Gañemos Vigo iniciou hoxe cun encontro con Xuntos a súa rolda de reunións informativas con diversos colectivos da cidade para "enriquecer" o seu programa electoral con vistas ás eleccións municipais de 2015. O coordinador de Gañemos Vigo, Lois Pérez, explicou que esta rolda de contactos permitirá á plataforma "dar forma ao programa" electoral para evitar a situación "irregular e pouco transparente" que, considera, impera no concello olívico.

Cunha "candidatura cidadá" busca impulsar un Vigo "máis democrático, máis participativo e máis habitable"; con políticas que garantan, entre outras cuestións, "o traballo e a vida digna", o impulso ao pequeno comercio e pór coto "á corrupción, os orzamentos opacos e o enchufismo". O portavoz de Gañemos Vigo, o párroco Benito Santos, engadiu que a plataforma seguirá un esquema de traballo similar ao de Guanyem Barcelona, de Ada Colau, xa que, deste xeito, "pódese asumir toda a problemática que se vive en Vigo, en Galicia e en España", concretou.

Para Santos, Gañemos Vigo non é máis que un "revulsivo para a vida cidadá", tendo en conta de que son os propios veciños os que "teñen que crecer para pór unha solución" ao estar a política "desvirtuada". Pola súa banda, o portavoz de Xuntos, Carlos González Armada, explicou que, para contribuír ao proceso de rexeneración "política", desde a plataforma realizaranse diversas entrevistas coas novas forzas cidadás para "achegar ideas" e constituír "un nexo de unión coa cidadanía".

"Non nos imos presentar ás eleccións municipais pero imos transmitir o que propón cada un dos grupos para que cada persoa poida apoiar a quen crea conveniente", matizou.

Gañemos Vigo prevé establecer contactos coas forzas sociais da cidade e comezar en decembro coa celebración de asembleas que aínda non deseñou. A partir das ideas solicitadas creará un programa con vistas ás eleccións locais, cuxo candidato calcula seleccionar o próximo mes de marzo.

Comentarios