García Costas vaticina un ''tempo difícil'' para os estaleiros á conta da caída do petróleo

O presidente de Barreras, José García Costas, vaticinou hoxe "un tempo difícil" para os estaleiros pola baixada do prezo do petróleo, dado que a maioría andan inmersos en proxectos de construción de buques relacionados con esta actividade.

"Todos os barcos nos que estamos a traballar todos os estaleiros, auxiliares de plataformas e os que teñen que ver coa produción de cru, coidado con ese tema", advertiu García Costas nunha rolda de prensa que ofreceu como presidente da Cámara de Comercio de Vigo.

Cónstalle ao presidente do maior estaleiro privado de España que algúns proxectos relacionados con barcos auxiliares de plataformas petrolíferas "van sufrir certo atraso" pola depreciación do cru. Abundou en que "non que non se necesite facer ese tipo de embarcacións, pero "hai que adecuar os investimentos aos ingresos" das petroleiras, que nestes momentos están a ingresar cos mesmos barrís diarios a metade de ingresos, e iso é "un tema difícil de conxugar. Por contra, sinalou García Costas, a baixada do prezo do petróleo é "unha buenísima noticia" para os sectores do transporte marítimo e o pesqueiro, xa que inciden directamente nas contas de resultados das empresas.

Abundou en que este novo escenario de depreciación do cru abre a porta á renovación da flota de pesca, "que hai anos que non se acomete", e ademais "é posible que se mova algo" respecto da construción de ferrys, actividade que nos últimos anos estivo "un pouco parada".

No caso concreto de Barreras, García Costas indicou que está inmerso en moitas "cousas e moi interesantes", sen entrar en detalles para "non pór en antecedentes" á competencia, dado que hai "moita fame" no sector naval, e declarouse "absolutamente optimista" a pesar da depreciación do petróleo.

Nin sequera confirmou o proxecto de construción dun ferry para Alxeria que a compañía que o licitou si fixo, e deslizou que o estaleiro vigués está a negociar "máis dun ferry".

En canto á utilidade do novo sistema español de bonificacións para a construción naval, o chamado tax-lease, dixo que para ampliar o número de investidores nesta actividade haberá antes que "deixar enterrado" o expediente incoado por Competencia sobre a anterior ferramenta de financiamento.

Respecto diso, dixo que en aparencia está resolto canto deberán devolver os investidores, pero non como, e ata entón non haberá unha reactivación definitiva do sector.

Comentarios