jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

A Garda Civil desprega en Galicia máis de 2.300 efectivos para loitar contra os lumes

Un axente do Seprona. AEP
Un axente do Seprona. AEP

O dispositivo está integrado por persoal do Seprona, Seguridade Cidadá, Policía Xudicial, Servizos de Información e Unidade Aérea ► Este corpo detivo ou investigou no primeiro semestre a 31 persoas en relación con lumes forestais

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentou o dispositivo da Garda Civil na prevención e loita contra os incendios na comunidade e tamén na colaboración para investigar as súas causas, que estará integrado na época de máximo risco. 

Nun acto no municipio pontevedrés de Cuntis, o delegado socialista destacou "o carácter tenaz e á vez dinámico" deste despregamento, que é capaz de adaptarse a circunstancias, moitas veces imprevisibles.

Participaron no acto tamén a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Darriba; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; e o coronel xefe interino da XV Zona da Garda Civil, Jorge González. 

Desde o 1 de xullo que comezaron a súa actividade ata finais de setembro, a Garda Civil manterá despregados en Galicia máis de 2.300 efectivos dedicados á loita contra os incendios forestais na Comunidade galega. 

Este dispositivo está integrado por persoal do Seprona, Seguridade Cidadá, Policía Xudicial, Servizos de Información e Unidade Aérea pertencentes a efectivos propios das catro comandancias e reforzouse con outros 60 axentes procedentes doutras unidades.

O delegado o Goberno recordou que a colaboración cidadá é "esencial" na loita contra os incendios forestais

INVESTIGACIÓN. Javier Losada recordou que, a maiores, e durante a época de máximo risco, as Xefaturas de Comandancia configuran os EMIF (Equipos Multidisciplinares de Incendios Forestales) e as xefaturas de cada compañía os EIIF (Equipos de Investigación de Incendios). 

Trátase de equipos formados por persoal de distintas unidades, como Información, Seguridade Cidadá e Policía Xudicial, que se dedican integramente a investigar as causas de cada incendio que se produce nas zonas de responsabilidade da Garda Civil. 

Losada informou de que nos primeiros seis meses do ano, a Garda Civil detivo e investigou a 31 persoas relacionadas con incendios forestais, dos que máis da metade foron na provincia de Ourense. A cifra de detidos ou investigados en 2017 ascendeu a 96, case o dobre que o ano anterior. 

O delegado o Goberno recordou que a colaboración cidadá é "esencial" na loita contra os incendios forestais e contra a actividade incendiaria, "non só evitando comportamentos de risco e adoptando medidas preventivas, senón tamén avisando aos equipos de urxencia ou forzas de seguridade en caso de detectar accións delituosas relacionadas con algunha queima". 

A Garda Civil desprega en Galicia máis de 2.300 efectivos para...
Comentarios