As gasolineiras galegas, descontentas coas novas medidas de aforro enerxético

Prevén que lles supoñan "outro" gasto extra
Una gasolinera. XESÚS PONTE
photo_camera Una gasolinera. XESÚS PONTE

A Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) mostrou o seu descontento co novo Decreto Lei, publicado no BOE este martes, sobre as medidas de aforro enerxético que, consideran, suporalles un gasto extra a moitas gasolineiras.

Explican que a nova norma obrigará aos empresarios a levar a cabo obras nas tendas das gasolineiras para manter pechadas as portas cando estea en funcionamento o aire acondicionado ou a calefacción. O único xeito de cumprir, insisten, é a instalación de portas automáticas ou un brazo de peche automático ás portas manuais.

Isto suporá, continúan, "un novo desembolso que se suma aos anticipos que están a realizar con motivo das bonificacións ao carburante".

Tal e como apuntan nun comunicado, en moitos casos as gasolineiras dispoñen de aparellos de aire acondicionado centrado na tenda, afastado dos expendedores e se se sitúan a 27 graos, os empregados traballarán a máis de 30 graos toda a xornada.

A isto engaden que, a raíz do sistema de bonificacións, todos os usuarios deben pagar en tenda "e manter as portas pechadas en todo momento supón un problema adicional".

"Tampouco axuda a esixencia por parte da Administración de acometer estes cambios con tanta prema. O Decreto Lei indica un prazo dunha semana para adaptarse ás novas normativas", lamentan.

"INCOHERENCIA" DA ADMINISTRACIÓN

Aínda que a federación recalca que as estacións de servizo están dispostas a cumprir coas medidas de aforro e de eficiencia enerxética, consideran que "esta présa non é coherente coa lentitude coa que se están abordando as devolucións das bonificacións de 20 céntimos que as gasolineiras deben adiantar".

A este respecto, critican que na gran maioría dos casos as devolucións prodúcense un mes logo de realizar o adianto, "de maneira que o empresario convértese nun prestamista do Estado".

Engaden ademais as "novas esixencias" de distintas entidades públicas "requirindo información aos xerentes e empresarios de estacións de servizo, información que, en moitos casos, xa teñen no seu poder outras entidades administrativas e que obrigan a duplicar a xestión".

"Esta carga burocrática esixe máis traballo para as xestorías e, no caso das pequenas gasolineiras, para o propio empresario que se ve obrigado a dedicar parte do seu tempo a cumprir con traballo administrativo", aseguran.

Comentarios