A xestión das residencias durante a pandemia enfronta a Pontón e Feijóo

O titular da Xunta pon os xeriátricos como exemplo de que a vacinación funciona fronte ao covid-19
Feijóo y Pontón, durante el pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo e Pontón, durante o pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

O modelo das residencias de maiores e a súa xestión durante a pandemia enfrontaron na sesión de control deste mércores á líder do BNG, Ana Pontón, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen aproveitou a mellora da situación constatada nos centros xeriátricos para facer un chamamento a vacinarse como "método único" fronte á covid-19. 

Fíxoo no transcurso dun debate no que Pontón fíxolle varias propostas para camiñar cara á xestión pública das residencias, como que as sete novas planificadas para as cidades sexan de xestión pública directa ou que "paulatinamente" sigan ese mesmo camiño os centros que agora están en réxime de concesión cando finalicen os contratos. 

Feijóo defendeu a xestión de Galicia na pandemia e reiterou que é a comunidade peninsular na que se produciu unha menor mortalidade, mentres que Pontón botoulle en cara que "presuma" disto. "Párteseme o corazón cada vez que o escoito", díxolle a nacionalista, a quen o presidente advertiu que se limita a constatar datos "sen sacar peito". "¿Cre que non temos corazón? ¿Que non temos maiores?", replicou. 

Así mesmo, o dos Peares afeou a "hipocrisía" do BNG e subliñou que, cando teñen oportunidade de xestionar, "privatizan" máis servizos que o PP. A modo de exemplo, referiuse á etapa do bipartito entre 2005 e 2009, así como a institucións como a Deputación de Lugo.

Na súa intervención, o presidente galego asegurou que os municipios onde goberna o BNG son os que teñen máis "privatizado" os servizos de axuda no fogar e tamén criticou que en Ribadeo, "con alcalde nacionalista", a xestión da residencia encargouse a unha "construtora".

Tamén reprochou a Pontón que durante o período en que o BNG e o PSdeG gobernaron en coalición na Xunta, entre 2005 e 2009, cos nacionalistas galegos na carteira de servizos sociais, construísense "catro residencias públicas, con 240 prazas e concertásense cinco residencias, con 640 prazas", algo "sorprendente" para alguén que fala de privatizacións, dixo. "Non o critico, pero si a súa hipocrisía política, dicindo que a este goberno non lle interesan os maiores e que sacamos peito das mortes nas residencias. ¡Como pode dicir iso! ¿Cre que non temos corazón, que non temos familia?", concluíu Núñez Feijóo.

Así, asegurou á deputada nacionalista galega que ten "as portas abertas" da Xunta para participar na construción dun "novo modelo de residencias", pero advertiu de que se atopará pechadas se vén con hipocrisías".

Para Pontón, o problema cos servizos sociais en Galicia é que o presidente galego e o grupo maioritario no Parlamento autonómico, o PP, "non queren ver o que pasa".

O BNG urxe a cumprir a carta europea sobre linguas rexionais
O BNG urxiu cumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, mentres a Xunta subliñou que o número de galegofalantes "incrementouse" entre 2015 e 2019 e que o 96% dos residentes na comunidade poden expresarse nesta lingua. 

Nunha pregunta formulada durante o pleno celebrado este xoves no Pazo do Hórreo, a deputada nacionalista Mercedes Queixas recordou que en decembro de 2019 o Comité de Ministros do Consello de Europa advertiu de incumprimento do acordo asinado polo Goberno coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas. Queixas recordou que, nun informe, o Comité de Ministros alertou do descenso de galegofalantes , a quebra da transmisión interxeneracional do idioma e a súa falta de presenza no ensino. Así, resaltou que propuxo eliminar as limitacións á docencia en galego reguladas polo decreto de plurilingüismo.

Neste sentido, apuntou que o documento instou a informar as medidas adoptadas para cumprir a carta europea antes de agosto de 2023. Por iso, pediu aclarar se cumprirá as accións requiridas polo Consello de Europa ao Goberno galego, ao que acusou de "mofarse do pobo galego sobre a súa columna vertebral, o idioma", e "incumprir acordos dun tratado internacional". Ademais, culpou da situación ao Goberno central por non "contrastar os informes" sobre a situación da lingua propia da comunidade. 

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou o "consenso" alcanzado mediante o decreto de plurilingüismo e remarcou que, de acordo cun estudo do Goberno, o galego presenta os índices de competencia máis altos das linguas cooficiais en relación a outras comunidades. 

Precisamente, explicou que un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2019 constatou o "incremento" do número de galegofalantes por primeira vez en relación ao mesmo estudo de 2015, así como no volume de persoas que o utiliza no ámbito familiar. Tamén resaltou que o informe Pisa acredita que un 96% dos alumnos falan "ben ou bastante ben" o idioma e que os galegos "son máis tolerantes" que estudantes doutras comunidades con linguas cooficiais. 

Comentarios