O Goberno ameaza con levar a carreira profesional dos funcionarios autonómicos ao TC

Xunta e Executivo central abrirán negociacións

Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. AGN
photo_camera Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. AGN

O Ministerio de Política Territorial e Función Pública negociará coa Xunta a regulación do sistema de carreira profesional no corpo de funcionarios autonómico por estimar que podería ser inconstitucional.

Así o recollen sendas resolucións publicadas o venres no Boletín Oficial do Estado (Boe), que dan conta de que a comisión bilateral de cooperación entre o Estado e a Administración autonómica acordou iniciar o diálogo para "resolver as discrepancias" respecto de varios artigos da lei de orzamentos deste ano e da norma de medidas fiscais que acompaña as contas.

O paso dado polo Executivo central, que é previo á presentación dun recurso ante o Tribunal Constitucional, ameaza con paralizar as carreiras profesionais dos funcionarios da Administración Xeral e dos traballadores do Servizo Galego de Saúde. No aire quedarían o sistema de ascensos e as subidas salariais acordadas cos sindicatos.

O conflito tamén pon en risco incentivos salariais dos axentes forestais e ambientais da Xunta. En concreto, estaría no foco o complemento acordado para apartar das tarefas de extinción a axentes que superan os 60 anos. Nesta liña, tamén se puxo en cuestión o plus pactado para que traballadores que pasen unhas oposicións de promoción interna realicen as prácticas formativas sen perder o seu nivel salarial.

POSIBLES EFECTOS. Se o asunto chega ao Constitucional, a súa admisión a trámite levaría á suspensión cautelar dos preceptos cuestionados. Trátase dos artigos seis e 18 da lei 3/2018 de medidas fiscais e da disposición adicional 17 e o artigo 22 da lei de orzamentos.

Para este ano, a Xunta acordou coas centrais subidas salariais para os funcionarios e o persoal laboral fixou de entre 371 e 800 euros, unha mellora que se suma á alza do 2,25% acordada polo Ministerio de Facenda para o conxunto do Estado. O acordo galego permite aos traballadores promocionar de nivel —hai cinco— pasados entre cinco e sete anos e tras someterse a unha avaliación interna.

Comentarios