O Goberno devolverá 211 millóns a Galicia do IVE de 2017

A Xunta aprobará este xoves o teito de gasto de 2022 
 
Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN
photo_camera Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN

A Xunta informou de que, na reunión deste mércores do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), o Ministerio de Facenda admitiu que a cantidade que debe a Galicia e que deberá transferir como devolución do IVE de 2017 ascende a 211 millóns de euros. Así o apunta a Consellería de Facenda nun comunicado, no que celebra que con esta cantidade "resólvese a discrepancia existente entre o Executivo autonómico e o Ministerio", que "reducía este importe do principal da débeda a 184 millóns de euros". 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, asistiu ao CPFF no que se trasladaron ás comunidades as principais cifras para a elaboración do teito de gasto de 2022, que a Xunta aprobará en Consello este xoves, 29 de xullo, de cara á elaboración dos seus orzamentos do ano próximo. 

Neste sentido, a Consellería de Facenda celebra que o Ministerio "dá a razón á Xunta" na súa reclamación do IVE de 2017, á vez que defende que o Executivo autonómico "actuou sempre coa máxima lealdade institucional, pero con firmeza na defensa dos intereses dos galegos". 

A Consellería de Facenda defende que o Executivo autonómico "actuou sempre coa máxima lealdade institucional, pero con firmeza na defensa dos intereses dos galegos"

"Por iso, Galicia foi a primeira comunidade en advertir desta situación en xullo de 2018", sostén, e "só canto tivo a evidencia de que o Goberno central non ía cambiar a súa posición, o Executivo autonómico viuse obrigado a recorrer aos tribunais". 

O pasado mes de maio, o Tribunal Supremo deu parcialmente a razón á Xunta de Castela e León e á Xunta de Galicia en dúas sentenzas que obrigan ao Goberno central a devolver unha parte da liquidación do IVE de 2017. 

Este mércores, a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, trasladou ás comunidades autónomas, no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que o Goberno lles transferirá ao redor de 3.000 millóns de euros como devolución da liquidación do IVE do ano 2017. 

Comentarios