Guerra asegura que o concurso eólico seguirá ''como estaba exposto''

O concurso eólico de Galicia continuará adiante "tal e como estaba exposto", segundo recoñeceu o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen non considera razoable a petición de dimisión que este xoves lle fixo a oposición. A pesar da sentenza do TSXG que ratifica a legalidade de varios dos aspectos máis controvertidos do concurso eólico impulsado polo goberno bipartito, Guerra incidiu en que a Xunta "fixo o que tiña que facer no seu momento, co informe do Consello Consultivo de Galicia que dicía que o decreto anterior tiña tachas de ilegalidade".

Quixo remarcar que a Xunta, nunha decisión "completamente razoable" e buscando o interese de todos, impulsou unha lei que dota de garantía "total" ao sector eólico. Tamén expresou a convicción de que as empresas adxudicatarias están "a mirar para adiante e non para atrás", polo que suxeriu que os proxectos empresariais teñen que empezar a desenvolverse.

"Hai un investimento de 6.000 millóns de euros que terá que desenvolverse e ninguén poderá ter megawatts eólicos se non desenvolve ese plan industrial, polo que non cambia nada en absoluto, senón todo o contrario: as cousas seguirán con toda normalidade", salientou.

Sobre as peticións de dimisión indicou que, unha vez que pasou "máis horas" desde o balbordo de onte coa sentenza do Alto Tribunal galego, "sempre estou moi atento ao que di a oposición cando é razoable, pero non vexo que iso sexa razoable neste momento". Incidiu en que Galicia "non ten" ningún problema, xa que o sector eólico está "blindado" por unha lei, polo que, incidiu, "podemos continuar adiante con total normalidade".

O BNG reitera que o decreto do bipartito era "absolutamente legal"
Con todo, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reiterou este venres que o plan eólico promulgado polo Goberno bipartito era "absolutamente legal". Segundo Vázquez, o PP ten "a necesidade" de cambiar o decreto eólico "para darlle as concesións ás súas empresas amigas" e, por iso, "abriuse a posibilidade de que as empresas adxudicatarias do anterior decreto soliciten indemnizacións".

O plan deseñado polo Goberno de PSDEG e BNG "foi agora absolutamente avalado na súa totalidade e en todas as súas disposicións" por medio do fallo do TSXG, resaltou o portavoz. "O PP usa a mentira masiva como arma política. Son moi expertos na mentira e demostran incompetencia á hora de resolver os problemas da xente", sostivo.

Guillerme Vázquez considerou que a actuación da Xunta prexudicou á economía galega, posto que o concurso eólico non se está desenvolvendo e impediuse a creación duns 3.000 empregos. Neste contexto, reiterou a súa petición de cesamento do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, "por estética e hixiene democrática", e sinalou que o subdirector xeral de Industria, Enerxía e Minas, e un compoñente da Comisión de Explotación xa foron cesados.

Pola súa banda, o portavoz de Industria do BNG, Henrique Viéitez, explicou que o maior argumento da Xunta do PP en contra do decreto eólico do anterior goberno era a participación pública da Administración. Viéitez asegurou que hai documentos que certifican que a Consellería de Industria prevía a participación pública nas distintas sociedades que se creasen para explotar os parques eólicos, algo que xa promovera o Goberno do PP entre 2001 e 2005 ao subscribir un crédito de 8 millóns de euros para poder participar, recordou.

Con respecto ás declaracións de Guerra, nas que asegurou que os informes da Asesoría xurídica da Xunta advertían da existencia de ilegalidades, Viéitez mantivo que ese informe é temporalmente anterior ao borrador final do decreto que o Goberno de BNG e PSDEG publicou no Diario Oficial de Galicia. Por iso, reclamou á Xunta que achegue "algo fundamentado legalmente" que demostre que o anterior decreto era ilegal e inconstitucional, mentres que agradeceu que a sentenza do TSXG "bote por terra toda a mentira na que o PP estaba montado.

Comentarios