Un home recoñeceu este xoves nun xuízo que violou unha moza no seu coche nun descampado da Coruña en setembro de 2019. Na vista, na sección segunda da Audiencia Provincial, a Fiscalía, a acusación particular e a defensa pediron nove anos de cárcere por un delito de agresión sexual e unha indemnización de 25.000 euros.
O ministerio fiscal rebaixou nun ano a pena de cárcere e a representación da vítima, en cinco, pola confesión do mozo, de 34 anos. A vítima, que declarou tras un biombo, asegurou non o coñecía "de nada" e que lles "brindou axuda" a ela e uns amigos na madrugada do 6 de setembro no paseo marítimo coruñés.
A preguntas da fiscal, a muller, que tiña 18 anos naquel momento, explicou como entraron no coche do home e levaron un amigo, que estaba baixo os efectos do alcol, á súa casa. Despois, segundo relatou, dirixiu o vehículo a un descampado na zona do monte de San Pedro e díxolle: "Imos follar", mentres accionaba o peche centralizado.
O xuízo quedou visto para sentenza en menos dunha hora
A vítima ratificou que lle mostrou ao acusado a súa negativa de ter relacións sexuais en todo momento e que se sentiu intimidada e temeu pola súa vida, xa que estaban nunha zona solitaria. Cuestionada pola Fiscalía, recoñeceu que aínda precisa de asistencia psicolóxica por un trastorno de tensión postraumática.
O xuízo quedou visto para sentenza en menos dunha hora tras as declaracións de procesado e vítima, dun axente da Policía Local —que relatou que a patrulla acudiu "de apoio"— e de dúas amigas da muller que explicaron como pediu "socorro" e enviou a súa localización a través do teléfono móbil. Fiscalía, acusación particular e defensa prescindiron das declaracións de forenses e outras testemuñas citadas ao xuízo.
A fiscal tomou a palabra antes de finalizar a vista para defender a comparecencia da vítima ante a sala polo "valor de lexitimidade da súa declaración", polo que engadiu que "os feitos están perfectamente acreditados". Descartou que a muller teña "ánimo de vinganza e nin rancor" e dixo que está demostrado, apuntou, que as relacións "non foron consentidas".
O avogado da acusación particular destacou o "ambiente intimidatorio" no que se produciu a agresión sexual, ao estar "nun descampado sen a posibilidade de saír do coche e sen saber o que lle podía pasar".