Os hostaleiros aseguran que a inflación aínda non afecta o número de visitantes

"Pode ser que a xente realmente aforrase durante os anos do covid", afirma Cheché Real
Cheché Real. VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)
photo_camera Cheché Real. VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)

O presidente de Hostalería de Galicia -a federación que agrupa ás catro asociacións provinciais de hostalería da comunidade autónoma-, Cheché Real, recoñeceu que, polo menos de momento, a complicada situación internacional, a subida de prezo dos carburantes e da enerxía ou a inflación "non se están notando" no relativo á chegada de visitantes.

A pesar desas condicións complicadas, que están a lastrar o desenvolvemento doutras actividades económicas, Real recoñece que, no "seu sector, no relativo á chegada de visitantes, non se está notando".

"Apenas se nota na afluencia de turistas, de xente de fóra que vén visitarnos", dixo o representante dos hostaleiros, quen confía en que, "vistos os resultados da Semana Santa" e da ponte festiva do primeiro de maio, "o verán pode ser magnífico" para o turismo en Galicia.

"Non sabemos por que", recoñeceu Real, quen optou, en todo caso, por non facer cábalas. "Pode ser que a xente realmente aforrase durante os anos do covid" e que "agora estea a tirar de reservas, de modo que máis adiante parará", engadiu.

Na actual situación, "sería demasiado atrevido" apostar por calquera tipo de explicación, agregou, antes de recoñecer que as cifras actuais e a resposta do público nesta ponte autonómica das Letras Galegas fanlles ser optimistas de face á tempada estival. 

Comentarios