Ilesa a tripulación dun barco que se incendiou fronte á costa de Baiona

Por outra banda, en Carnota un home foi rescatado tras envorcar o seu bote

Un incendio declarado na mañá deste mércores nunha embarcación auxiliar fronte á costa de Baiona sáldase sen persoas feridas. O lume declarouse sobre as 11:30 horas, segundo informou unha persoa particular que daba a voz de alarma ao 112 Galicia. No momento no que comezou o incendio, a embarcación navegaba entre Monteferro e as illas Ronseis.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 puxo a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. A Garda Civil tamén recibiu o aviso. Os servizos de urxencia decidiron mobilizar o helicóptero Pesca 1 e unha embarcación auxiliar. As persoas que se atopaban no barco incendiado foron rescatadas por outra embarcación. Ningunha delas necesitou asistencia sanitaria.

RESCATE EN CARNOTA. Un home foi rescatado esta mañá por un particular despois de que o bote de madeira no que navegaba envorcase. O home quedou atrapado no seu interior. Os feitos tiveron lugar enfronte ao lugar de Panchés, preto da praia de Insuela.

Comentarios