Implantan con éxito o primeiro corazón mecánico da área sanitaria de Santiago

A intervención practicóuselle a un home de 74 anos que xa recibiu o alta hospitalaria e está de volta no seu domicilio
Equipo encargado de realizar la operación. DP
photo_camera Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). GSV

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) deu a coñecer este xoves que un equipo multidisciplinar de profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) conseguiu implantar con éxito o primeiro "corazón mecánico" da área sanitaria da capital galega.

Así o recolle un comunicado remitido aos medios no que se dá conta deste suceso, despois de que chegue a bo termo a intervención practicada a un home de 74 anos que xa recibiu o alta hospitalaria e está de volta no seu domicilio.

Profesionais dos servizos de cirurxía cardíaca, cardioloxía e anestesioloxía e reanimación colaboraron para conseguir o que o xefe do servizo de cardiología do CHUS, José Ramón González Juanatey, cualificou de "fito na atención a pacientes con insuficiencia cardíaca" nesta área sanitaria.

Juanatey precisou que esta é "a máis nova tecnoloxía" para os afectados con esta doenza, que cada ano leva a máis de 1.000 persoas ás instalacións do CHUS e dos que, entre o 1 e o 5% deles, "poderían ser candidatos a terapias avanzadas" como esta.

A insuficiencia cardíaca é unha enfermidade do corazón que afecta á capacidade de bombear sangue e facer funcionar o organismo e que en estados avanzados deteriora severamente a calidade de vida de quen a sofren, ademais de contar con baixas taxas de supervivencia.

Esta nova terapia consiste na implantación dun "dispositivo de asistencia ventricular esquerda de longa duración (DAVI)" no tórax dos pacientes para axudar ao corazón a bombear o sangue a modo de corazón "mecánico".

"Seguro que moitos pacientes se poderán beneficiar e poderán prolongar e mellorar a súa calidade de vida", trasladou Juanatey, que celebrou o éxito desta intervención e a "evolución fantástica" que tivo o primeiro dos intervidos.

Comentarios