Imputados por prevaricación os sete edís que aprobaron pagar a defensa de Adrián Varela

Sete edís do PP de Santiago foron imputados por un delito de prevaricación por aprobar en xunta de goberno local o pasado mes de maio unha resolución para que o concello custease a defensa do edil Adrián Varela, imputado na operación Pokemon.

A concelleira María Pardo fixo público hoxe que foi imputada, xunto aos seus compañeiros de goberno municipal Juan de la Fuente, María Castelao, José Luis Bello, Amelia González, Cecilia Sierra e Francisco Noya.

Todos eles foron citados a declarar o próximo 19 de decembro no xulgado número un de Santiago.

A Operación Pokemon, que segue baixo segredo de sumario, púxose en marcha para investigar a existencia dunha suposta trama para obter contratos e concesións públicas en distintas administracións galegas, así como en Asturias e Cataluña.

As fontes consultadas sinalaron que a decisión da xunta de goberno para custear a defensa do seu compañeiro "axustouse a dereito" e tomouse "avalada por informes da asesoría xurídica do concello".

Indicaron, ademais, que a defensa dun concelleiro con cargo ás arcas municipais "é un dereito"  e que neste caso non se chegou a concretar porque o edil imputado na Pokemon renunciou a ela.

De feito, sinalaron, noutros concellos galegos, como Corcubión (A Coruña), adoptáronse decisións similares.

E tamén no propio concello de Santiago "noutras lexislaturas" e con outros partidos no goberno municipal, comentaron as fontes consultadas.

A xuíza tomou esta decisión tras a denuncia feita á Fiscalía por unha persoa particular.

María Pardo, portavoz do grupo de goberno, sinalou en conferencia de prensa que o seu partido respecta as decisións xudiciais e chamou a atención sobre a proliferación de casos nos que se imputa a políticos e posteriormente son sobreseídos.

Comentarios