martes. 28.09.2021 |
El tiempo
martes. 28.09.2021
El tiempo

Indignación polos 'chistes' machistas do alcalde de Noia no Día da Muller

"A muller é capaz de sangrar sen cortarse, é capaz de dar a luz sen corrente e algúns din que é capaz de tocar os narices sen sequera achegarse", afirmou o popular Santiago Freire ao falar das "dificultades fisiolóxicas que teñen con respecto ao home"

Os inapropiados comentarios pronunciados polo alcalde de Noia, o popular Santiago Freire, durante os actos de conmemoración oficial do Día Internacional da Muller revolucionaron as redes sociais, que ven na súa suposta idea de recorrer ao "chiste fácil" unha inaceptable manifestación machista, especialmente ferinte nunha data na que se reivindica a igualdade de xénero. "A muller é capaz de sangrar sen cortarse, é capaz de dar a luz sen corrente e algúns din que é capaz de tocar os narices sen sequera achegarse. É un chiste fácil, pero o certo é que son moitas as complexidades, as dificultades fisiolóxicas que teñen con respecto ao home", soltou desde o atril o primeiro edil nun discurso que xa recibiu as críticas da oposición (PSdeG, Marea Cidadá de Noia e BNG).

Respecto diso, as tres formacións emitiron un comunicado conxunto no que aseguran que estas afirmacións "non se poden tolerar por parte dun cargo institucional, ao que se lle presume unha exemplaridade na erradicación do machismo no que está sumida a sociedade actual". Por iso, prevén manter o venres unha reunión para decidir as accións que levarán a cabo ante a "gravidade" do ocorrido.


A formación nacionalista emitiu outro comunicado no que a súa portavoz parlamentaria de Igualdade, Olalla Rodil, interpela directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para pedirlle explicacións polo que define como "unha batería de pretendidos chistes e comentarios vexatorios para todas as mulleres". No texto, Rodil pregunta a Feijóo "se o seu feminismo sen etiquetas do que presume é compatible cos chistes pexorativos sobre as mulleres" proferidos por Freire, "nada menos que durante un acto oficial de celebración do 8 de marzo".

O partido nacionalista incide no seu comunicado que estes feitos tiveron lugar de xeito case simultáneo á argumentación de Núñez Feijóo durante a sesión de control parlamentaria na que sacou peito do compromiso do PPdeG na loita contra a desigualdade de xéneros. Así pois, o BNG conclúe a súa nota informativa cunha alegación no que expón a relevancia da responsabilidade das institucións públicas, das que "cabe agardar e é exixible o máximo rigor na utilización da linguaxe non sexista, así como un discurso de respecto con todas as mulleres, de que quedan moi lonxe os comentarios machistas do alcalde de Noia".

Indignación polos 'chistes' machistas do alcalde de Noia no Día da...
comentarios
ç