jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Infantil e Primaria terán 158 unidades máis e haberá 240 novos docentes

Aulas del colegio Froebel. DAVID FREIRE/ARCHIVO
Aulas del colegio Froebel. DAVID FREIRE/ARCHIVO
O próximo curso deixarán de prestar servizo educativo dúas escolas unitarias que non alcanzan o seis alumnos 
 

A Consellería de Educación autorizou a creación ou habilitación de 158 novas unidades (grupos de clase) en centros públicos de educación Infantil, Primaria e Educación Especial, o que levará consigo a incorporación de 240 novos mestres o próximo curso escolar. 

Con esta medida, o Goberno galego reforza os medios destinados ao sistema educativo co obxectivo de garantir a calidade do ensino así como cumprir coas medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 para o inicio da actividade lectiva nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21. 

O reforzo no caso da educación secundaria concretarase en setembro, cando se dispoña dos datos definitivos tras o peche da matrícula na totalidade dos centros. 

A estas medidas súmanse outras da consellería para o próximo curso, como a iniciativa Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixida a centros públicos de primaria e secundaria (Arco). Trátase dun instrumento de apoio aos centros para a mellora do rendemento académico que complementa os Contratos-Programa, e que lles permitirá aos centros contar con 543 docentes de apoio contratados no curso 2020-2021 (221 para Primaria e 322 para Eso).

ESCOLAS UNITARIAS. Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica este mércores a Orde pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial. 

Tendo en conta os datos de matrícula, o próximo curso escolar deixarán de prestar servizo educativo dúas escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Trátase, na provincia da Coruña, das EEI de Luaña (Brión, 5 matrículas) e EEI de Comiáns (A Laracha, 5 matrículas). A Xunta mantén o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados para a continuidade. 

Ademais das unidades que se modifican a través da citada orde (creacións ou supresións), habilitaranse unidades específicas para facilitar o desdobramento de aulas, reforzándose especialmente a dotación de profesorado de cara ao próximo curso 2020-2021, para facer fronte á situación creada pola Covid-19 e adoptar, deste xeito, medidas de prevención e seguridade nas aulas. 

Infantil e Primaria terán 158 unidades máis e haberá 240 novos...
comentarios