Inician un estudo sobre as poboacións de golfiños nas Rías Baixas

As últimas investigacións indican que as rías son utilizadas polas femias para parir e criar ás súas camadas ata a adolescencia

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) comezou un novo proxecto a bordo do barco Bahía de Nergha para tratar de contabilizar os golfiños das rías de Vigo e Arousa. O obxectivo desta campaña marítima é cuantificar o número de mandas e de exemplares que usan as Rías Baixas na súa vida diaria.

As últimas investigacións de Cemma indican que as rías son utilizadas por mandas de golfiños "de gardería", xa que son os grupos nos que as femias paren e crían ás súas camadas ata a adolescencia e que, cumpridos os tres anos, diríxense a outras áreas para alimentarse.

Nos tres días que durará a investigación recolleranse datos de avistamentos, comportamento, gravacións acústicas e fotografías para cuantificar o número de exemplares e rexistralos individualmente para saber quen forman as diferentes mandas. A coordinadora ten rexistrados exemplares identificados polas aletas desde fai 16 anos e nas súas bases de datos constan máis de 400 cetáceos diferentes.

A investigación pretende coñecer o estado actual dos grupos para tratar de descifrar o proceso de renovación poboacional a partir de que, no mes de xuño, nazan as cativas. Segundo os rexistros de Cemma, cada ano morren entre 25 e 40 golfiños na plataforma continental galega e, pescudando cantos nacen, poderán estudar a taxa de renovación.

Comentarios