A IGM considera unha "burla" que a Xunta inaugure Meirás cun acto "alleo" á memoria 

O colectivo salienta "o feito de que non se escolla inauguralo cun recoñecemento ás vítimas do franquismo e á propia loita en contra da impunidade e o esquecemento" 
Pazo de Meirás. DP
photo_camera Pazo de Meirás. DP

A Iniciativa Galega pola Memoria denunciou unha nova "utilización retorta" por parte da Xunta do feminismo e da figura de Emilia Pardo Bazán para tratar de que o Pazo de Meirás sexa inaugurado cun acto "totalmente alleo" á memoria histórica, unha proposta que tacha de "burla". Así o sinala nun comunicado remitido aos medios despois de que o Goberno galego informase o domingo de que quere realizar a entrega das Medallas Pardo Bazán, galardón do Executivo autonómico a entidades e persoas que traballan pola igualdade, o próximo 8 de marzo no Pazo de Meirás. 

Respecto diso, a Iniciativa Galega pola Memoria sinala que este acto sería o primeiro en celebrarse neste ben de interese cultural desde que a xustiza recoñeceu a propiedade ao Estado. "O feito de que non se escolla inauguralo cun recoñecemento ás vítimas do franquismo e á propia loita en contra da impunidade e o esquecemento é unha burla á memoria", sinala. O colectivo considera que esta "burla" adquire maior gravidade no seu intento de escondela nun acto de recoñecemento á "imprescindible loita para a igualdade que leva a cabo o feminismo" e que a Iniciativa Galega pola Memoria asegura apoiar "sen fisuras". 

Con todo, a plataforma, que engloba a asociacións de memoria de todo o país alerta do "intento do Goberno de Feijóo por facer en Meirás o mesmo que se fixo coa illa de San Simón, á que cambiou o tratamento de illa pola memoria para rebautizarla como illa do pensamento". O colectivo subliña que a mellor homenaxe que se lle pode facer a Emilia Pardo Bazán é precisamente "denunciar un réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos das mulleres como foi o franquista" e "condenar un golpe de estado que volveu relegar ás mulleres ao papel de nais e esposas cando estaban a empezar a adquirir dereitos como cidadás". 

A plataforma avoga por realizar este acto de recoñecemento a favor da igualdade a Megumi Shiozawa, á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e á Asociación Rede, mulleres veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, nun lugar alternativo a Meirás. 

Comentarios