Renfe freta autobuses a Galicia e Asturias tras desprenderse 800 metros de catenaria

A avaría produciuse por un enganchón do trenhotel Ferrol-Madrid
Un tren de Renfe. SEBAS SENANDE
photo_camera Un tren de Renfe. SEBAS SENANDE

Os trens con orixe e destino en Galicia e Ponferrada terán que realizar este luns parte do percorrido en autobuses fretados por Renfe. O operador ferroviario estableceu un plan alternativo de transporte que afectará unha vintena de trens de paso por León, a causa do desprendemento de máis de 800 metros de catenaria rexistrado sobre as catro da madrugada nun tramo entre a estación de León e a bifurcación de Quintana.

Os trens Alvia de Asturias non se verán afectados por plans alternativos de transporte, xa que os que saen de Asturias entran na estación de León por vía Ave e continúan por esta vía ata Madrid, segundo o procedemento habitual, mentres que os que circulan cara a Asturias saen de León por vía Ave e cambian de vía no cambiador de Vilecha para continuar a destino.

A avaría produciuse na madrugada deste luns, segundo as mesmas fontes, ao paso do Trenhotel Madrid-Ferrol por un enganchón de catenaria que causou do desprendemento de máis de 800 metros da mesma. 

Como consecuencia diso, permanece desde entón interrompida a circulación nas relacións Galicia-León, León-Galicia, Asturias-León e León-Asturias, con previsións, en principio, de non poder iniciar os traballos de reparación ata este luns pola noite.

Os viaxeiros dos trens de Media Distancia que circulan entre Asturias e León (dous por sentido) que teñan a súa orixe ou destino na estación leonesa realizarán por estrada o tramo La Robla-León. Adif informou dunha previsión de 24 horas para reparar a avaría.

Comentarios