Investigado un menor por gastar 2.600 euros dun familiar en aplicacións de xogos

A Garda Civil da Coruña iniciou as pescudas despois de que o parente denunciase 57 cargos na súa conta non autorizados

O equipo de estafas da Garda Civil da Coruña investigou un menor de idade que supostamente utilizou a tarxeta de crédito dun familiar sen o seu consentimento e realizou 57 cargos por un valor de 2.672 euros na compra de aplicacións de xogos en rede. Foi investigado como presunto autor dun delito continuado de estafa e outro de usurpación de estado civil.

Os feitos coñecéronse por mor dunha denuncia interposta pola suposta vítima, que manifestaba que alguén realizara 57 cargos na súa conta bancaria sen que fosen autorizados. Tras as investigacións, os axentes constataron que as operacións se efectuaran desde as contas de dúas plataformas de pago online que foran creadas por un familiar menor de idade da vítima, polo que trasladaron as actuacións á Fiscalía de Menores da Coruña.