Investigadores da USC traballan nunha vacina contra o covid que se conserva a temperatura ambiente

O composto, que din que sería barato e doado de producir, probarase en ratos en Alemaña e en macacos en Holanda antes de iniciarse os ensaios clínicos en humanos
Costa Miño, 27 de julio 2020
photo_camera José Martínez Costas, no laboratorio. EP

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan nunha vacina contra o covid-19 que está baseada nunha tecnología propia e sería "barata, doada de producir e se pode conservar a temperatura ambiente". O proxecto, no que traballan desde o pasado mes de abril, está liderado por José Martínez Costas desde o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). 

A iniciativa conta co apoio do programa de micromecenado da universidade Sumo Valor e é unha das dez que financia o Instituto de Salud Carlos III en España para obter unha vacina contra o coronavirus. Neste caso emprégase unha tecnoloxía baseada na utilización de microesferas cargadas coas proteínas que interesan en cada caso.

O equipo conseguiu dúas versións da súa vacina. En Madrid, no Centro de Investigación en Sanidad Animal, realizaron as probas en animais de laboratorio para comprobar cal era a mellor producindo anticorpos contra o virus. E detectaron que unha delas é moito máis potente ca outra.

Así as cousas, agora efectuarán as probas de seguridade, eficacia e resposta a anticorpos en ratos, no HZI de Alemaña. Se todo sae ben, o seguinte paso será realizar ensaios con macacos en Holanda, no Centro de Investigación Biomédica sobre os Primates. Poríanse en marcha despois os trámites necesarios para comezar os ensaios clínicos en humanos

A investigación ten o apoio da liña do programa de micromecenado 'Sumo Valor' da USC 

O equipo traballou con mostras de pacientes afectados por coronavirus do Hospital Universitario Lucus Augusti para comprobar se as probas realizadas en ratos estaban ben feitas, se recoñecían os seus preparados vacinais, e di que os resultados obtidos foron alentadores.

Costa Miño, 27 de julio 2020

O doutor Martínez Costas explica que a metodoloxía propia da súa vacina, que teñen patentada, permite "programar que células de calquera tipo constrúan microesferas de proteína e carguen dentro delas calquera proteína que nos interese, neste caso un antíxeno de coronavirus". "E estas microesferas teñen capacidade para estimular o sistema inmune", apunta.

Segundo sinala, este modelo ten vantaxes fronte a outros xa desenvolvidos ou que están en investigación. "A vantaxe principal da nosa vacina radica en que non se prevé que teña efectos secundarios adversos, xa que está composta só de proteína. Ademais, é máis completa que as que xa se están a aplicar. Nós usamos tres proteínas diferentes, co que a vacina está deseñada para facer fronte a varias proteínas do virus e contra varios tipos de resposta de anticorpos. Ademais, será moi doada de producir, moi barata e moi estable, podendo conservarse a temperatura ambiente sen que se alteren as súas propiedades", asegura o científico.

O doutor prevé que a vacina non teña efectos secundarios adversos e será máis completa que as que se están aplicando

O proxecto tamén recibiu apoio da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), do Banco Santander, do CSIC e da Comisión Europea, ademais de financiamento privado, en particular unha "xenerosa contribución" da empresa Urovesa.

O programa de micromecenado Sumo Valor facilita investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia. Empresas e particulares poden apoialas con microdoazóns por un máximo de 3.000 euros. Tamén se poden realizar na web https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html.

Unha tecnoloxía con moitas aplicacións
Esta tecnoloxía desenvolvida na USC ten moitas aplicacións, como a produción de vacinas contra calquera patóxeno. De feito, apuntan a que xa a probaron con bos resultados con outros dous virus, o da lingua azul e o da peste equina africana. Ademais, en inmunoterapia de cancro en ratos lograron retraer os tumores.

Agora, unha vez se obteñan os resultados das probas en ratos en Alemaña, determinarase se a vacina funciona ben e iso marcará o seu futuro.

Comentarios