José Miñones asumirá con diálogo os retos de Galicia e empezará polo municipal

O novo delegado de Goberno en Galicia tomou posesión do seu cargo este xoves
20210408-637535007085618442
photo_camera Miñones, durante a súa toma de posesión. EFE

O municipalismo será o principal eixo de traballo do novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que se comprometeu na tarde deste xoves, na toma de posesión do cargo, a dar resposta aos retos da comunidade "con diálogo, consenso, lealdade institucional e tranquilidade".

"Temos en Galicia 313 concellos, dos cales 200 teñen menos de 5.000 habitantes. O meu obxectivo é darlle sentido ao significado da palabra municipio, para que se faga realidade que vivir nestes concellos de Galicia sexa un privilexio e non unha condena", subliñou Miñones ante o ministro de Transportes, Jose Luís Ábalos, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades presentes no acto.

Non en balde, o novo delegado prometeu o cargo sobre o artigo 140 da Constitución, que garante a autonomía dos concellos e a súa personalidade xurídica plena con alcaldes elixidos pola cidadanía, por iso é polo que o municipalismo sexa o primeiro dos seus compromisos.

A igualdade e a loita contra o terrorismo machista, as políticas sociais e a transformación industrial son as demais prioridades de Miñones, que tamén se comprometeu a seguir unha "etapa de continuidade renovada" para "construír en tempos de crispación e achegar a delegación do Goberno ao pobo galego".

O exalcalde de Ames, que foi nomeado delegado polo Consello de Ministros do pasado 30 de marzo e é o undécimo que representa ao Goberno na comunidade, asegurou que "Galicia está na axenda de Pedro Sánchez", polo que anticipou unha Delegación de portas "abertas" a todos os galegos e unha "comunicación permanente e fluída con todas as administracións".

Profesor universitario, concelleiro e alcalde estes últimos seis anos, Miñones chega ao cargo coa idea de construír "en tempos de crispación e ruído", servir de "enlace" entre Goberno e Xunta, deputacións e concellos: "podedes contar comigo", díxolles.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recolleu a luva e ofreceulle diálogo e "man tendida" e a de todo o seu Goberno e institucións autonómicas, porque a "cooperación non é unha opción, é unha obrigación".

Miñones eloxiou o "enorme traballo", o seu "apoio" e "gran cordialidade" de Javier Losada, o seu predecesor no cargo

A mellora das infraestruturas forma parte tamén da súa axenda e, ante o ministro de Transportes, que subliñou a formación e traxectoria, sensibilidade e afecto do novo delegado, adiantou que mañá "este compromiso quedará demostrado coa resposta a demandas históricas que Galicia ten e para que siga avanzando".

Comentarios