A alcaldesa de Melón, absolta de falsidade documental

A Audiencia de Ourense non ve delito da rexedora, unha funcionaria e un veciño por quebrantar este último unha condena a traballos comunitarios
La alcaldesa de Melón, María Cristina Francisco (a la izquierda), durante la vista oral
photo_camera La alcaldesa de Melón, María Cristina Francisco (a la izquierda), durante la vista oral

A Audiencia Provincial de Ourense ditaminou a libre absolución para a alcaldesa de Melón, María Cristina Francisco Vílchez (PP), e outras dúas persoas acusadas, unha auxiliar administrativa e un veciño, polos delitos de falsidade en documento e quebrantamento de condena.

Diso informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que investigaba se se asinaron certificacións de traballos en beneficios da comunidade a un veciño que así cumpría unha condena por un delito relacionado co tráfico, a pesar de que non cumpría a súa obrigación.

O penado debía realizar traballos de roza e tamén labores de vixilancia na contorna de Quins, onde reside, como medida de prevención ante incendios forestais, tras ser condenado como culpable dun delito contra a seguridade viaria.

Nos fundamentos xurídicos da sentenza, facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a sala dá constancia "da ilicitude" da proba achegada. Conclúe que a obtención da información relativa ao cumprimento da pena realizouse sen a correspondente autorización da alcaldesa do Concello de Melón, un requisito que di que era necesario.

Para o maxistrado, a proba obtida, residenciada no informe dos detectives privados que se incorporou a autos son "nulos" ao considerar "ilícita" a proba na obtención e cesión dos datos que serviron de base ao informe, e "ao estimarse que este se fai contra a prohibición legal que lles impide investigar delitos públicos".

Así mesmo, a sala aclara que o consistorio "non desenvolveu ningunha actuación destinada a comprobar o cumprimento dos traballos impostos no horario e datas establecidas, tendo exclusivamente un coñecemento referencial da súa realización a través do testemuño de veciños e da información transmitida por algún dos concelleiros", polo que considera que non queda acreditado que as imputadas tivesen "coñecemento real e efectivo, ou incluso, meramente indiciario da existencia de incumprimentos ou dun defectuoso cumprimento da pena que se executaba".

ANTECEDENTES. O penado que prestara a súa aceptación en documento de data 19 de maio do 2011 comezou o cumprimento dos traballos o 18 de xuño de 2011. Por estes feitos, o Ministerio Público solicitaba catro anos e medio de prisión para a alcaldesa por presunta falsidade documental ao entender que "participaba activamente" na comisión deste delito por amparar presuntamente o incumprimento de traballos sociais realizados por un penado do municipio ourensán.

No seu escrito, acusaba á alcaldesa, a unha funcionaria municipal e a un home condenado a realizar traballos sociais para o Concello, de falsificar o documento que xustifica o cumprimento destas tarefas, feito que se realizou coa "colaboración necesaria" da alcaldesa, á hora de asinar os partes nos que se confirmaba a suposta presenza do penado a traballos sociais.

Pola súa banda, a defensa solicitaba a libre absolución e sostivo que non tiña coñecemento de irregularidade ou ausencia algunha, senón que se limitou a asinar un rexistro que lle pasaba unha funcionaria. Contra a mesma, cabe interpor recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

Comentarios