A Comisión de Memoria Histórica cualifica de ''fracaso'' as visitas a Meirás

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña cualificou de "fracaso" o "plan da familia Franco e a Xunta" para abrir ao público o pazo de Meirás, antiga residencia de verán de Francisco Franco.

"Xa temos os datos das persoas que participaron nas visitas guiadas e podemos concluír que foi un fracaso total en canto ao número de visitantes e un éxito total en canto ao obxectivo que perseguía: pór todo tipo de impedimentos para que a xente non visite o pazo", sinalou a asociación nun comunicado.

A CRMH asegurou que os datos da Xunta sobre a ocupación total das prazas para as visitas son unha "farsa" e esixiu á administración que "rompa" o "convenio de submisión coa familia Franco" e abra o pazo todos os fins de semana "sen cita previa".

O pazo de Meirás, propiedade da familia Franco, abriu as súas portas ao público por primeira vez o pasado 25 de marzo en virtude do convenio asinado entre a Consellería de Cultura e os propietarios deste Ben de Interese Cultural (BIC).

Esta declaración obrigou á familia Franco a abrir o pazo ao público por imperativo legal, aínda que esgotou todos os recursos para impedilo e incluso recorreu ante o Tribunal Supremo.

No entanto, a familia Franco conseguiu limitar as visitas a un reducido número de estancias, así como que se impoña a prohibición de facer fotografías e gravacións no interior do inmoble.

O pazo de Meirás, situado no municipio coruñés de Sada e que anteriormente fora propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán, foi regalado a Franco polo pobo galego en 1938 tras un discutido peditorio popular.

Comentarios