A denominación Rías Baixas incrementa nun 21% as súas exportacións

A campaña 2015-2016 arroxa uns datos moi positivos, segundo revelaron os asistentes á presentación das cifras ►Xapón é o destino que máis crece
Presentación de los datos de exportación de la D.O. Rías Baixas, con la presencia de Juan Gil de Araujo y Ángeles Vázquez
photo_camera Presentación de los datos de exportación de la D.O. Rías Baixas, con la presencia de Juan Gil de Araujo y Ángeles Vázquez

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas incrementaron nun 21,65% as súas exportacións na campaña que comprende o período de 1 de setembro de 2015 a 30 de agosto de 2016. Este crecemento tamén se repite no valor das vendas internacionais, que alcanzan os 32 millóns de euros.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu este luns no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, sede do Consello Regulador desta denominación de orixe, á presentación destes datos de para "mostrar o apoio do goberno autonómico á internacionalización" dos viños Rías Baixas, felicitando ao sector polos datos.

Ángeles Vázquez dixo que o Consello Regulador de Rías Baixas é "o máis proactivo en materia de exportacións do sector vitivinícola de Galicia" cos seus "avances sempre constantes", como demostra o feito de que das 180 adegas adscritas a esta denominación, 97 xa se atopan en plans de exportación, máis da metade.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, explicou que dedica máis do 65% do orzamento total deste organismo á promoción e, neste apartado, teñen un peso moi relevante as accións no exterior. Igualmente, Ramón Huidobro, xerente e secretario xeral do Consello Regulador, indicou que as vendas fóra das fronteiras españolas supoñen un 28% do total da produción. 

JAPÓN é O DESTINO QUE MAIS CRECE. Os viños Rías Baixas chegan xa a 64 mercados estranxeiros e, en pouco máis dunha década, as adegas presentes no principal destino, Estados Unidos, pasaron dunha vintena a máis de 80.

O primeiro posto corresponde, unha vez máis, a Estados Unidos, que seguindo esta tendencia aumenta nun 18,95%, alcanzando os 2.370.135 litros. Mantén a segunda posición Reino Unido con 1.103.909 litros, o que supón un incremento do 28,42%; e Alemaña a terceira con 530.894 litros, un crecemento do 20,83%. Completan os cinco principais destinos Porto Rico e México.

Novamente, Xapón responde moi positivamente ás accións realizadas por este Consello Regulador, cun crecemento do 56,62%, traducido en 176.409 litros, cifra que o leva a ocupar a sétima posición.

Os continentes americano e europeo, concretamente os países da Unión Europea, seguen esta tendencia positiva con aumentos do 17,63% e do 23,75%, respectivamente. América chega a superar os 3.100.000 litros e os países da UE os 2.400.000 litros. Cabe destacar que os viños do D.O. Rías Baixas véndense embotellados en todos os mercados e o seu valor, dentro do conxunto das Denominacións de Orixe españolas, atópase nos primeiros postos, parellos ao valor dos viños franceses.

Tamén chama a atención a resposta do mercado mexicano, cun aumento do 33,48 %, un total de 254. 627 litros, cantidade que o coloca no quinto posto dos principais destinos dos viños de Rías Baixas nos mercados internacionais. Irlanda é outro dos países que sorprende cun crecemento do 39,80% e 170.024 litros vendidos en total.

Comentarios