A Dirección Xeral de Tráfico porá en marcha desde este luns, 18 de abril, e ata o domingo, unha nova campaña especial de control de velocidade nas estradas convencionais e vías urbanas da comunidade galega.
Segundo os datos estatísticos da DXT, o exceso de velocidade é o responsable do 22% dos accidentes mortais que se producen neste tipo de estradas, polo que a campaña busca concienciar sobre a necesidade de limitar a velocidade nestas vías.
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil vixiarán, ademais da velocidade, os adiantamentos indebidos, a inxesta de alcol ou drogas, o uso de casco e sistemas de retención, a utilización do teléfono móbil ou auriculares durante a condución, a manipulación de navegadores ou de calquera outro elemento que poida distraer e, en xeral, calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación viaria.
A campaña contará co "máximo número de medios humanos e materiais posibles", e advertirase, sempre que sexa posible, aos condutores da existencia próxima de controis.
Entre 2010 e 2015, o 84,83% dos falecidos foron en estradas convencionais, fronte a un 15,17% en autoestradas e autovías. En horario nocturno os falecidos foron un 55,67%, dos cales o 86,70 foron en estradas convencionais e o 13,30 en autoestradas e autovías.
Na campaña específica de vixilancia e control de velocidade desenvolvida do 13 ao 19 de abril de 2015 en Galicia controláronse máis de 91.000 vehículos e formuláronse un total de 2.460 denuncias. En vías convencionais, as estradas nas que se producen a maior parte de accidentes con vítimas mortais, levou a cabo o 71,6% dos controis.
A DXT inicia este luns unha campaña de control de velocidade en vías convencionais e urbanas
17 abril 2016 18:44 h.
A Garda Civil vixiará tamén os adiantamentos indebidos, a inxesta de alcol ou drogas, o uso de casco e do teléfono móbil