A Deputación apoia que os concellos colaboren entre si para recortar gastos

O deputado provincial da área de cooperación cos concellos da Deputación de Lugo, o socialista Juan José Díaz Valiño, informou este xoves de que o ente provincial "apoia calquera iniciativa de colaboración entre concellos para recortar gastos".

Pola súa banda, o alcalde de Monterroso, o socialista Antonio Gato Soengas, que se reuniu o mércores con cinco alcaldes máis para tratar a creación dunha mancomunidade, respondeu este xoves ás declaracións do secretario provincial do PSOE, Ricardo Varela, nas que aseguraba que a cooperación "debe estar baixo a supervisión dun organismo superior".

Neste sentido, Gato Soengas defendeu que a lexislación avala a cooperación entre municipios, polo que "non lle teño que consultar a Ricardo Varela porque non é algo do seu ámbito político".

"A autonomía municipal é algo dado aos concellos, e os alcaldes temos a representación directa dos propios cidadáns", resolveu o rexedor socialista.

Comentarios